O proceso produtivo da biofábrica de Pontevedra baséase na utilización de materias primas naturais, renovables e autóctonas; é respectuoso co medio ambiente e cumpre sobradamente as normas ambientais europeas máis estritas.

Neste proceso xérase a enerxía necesaria para a produción da celulosa coa que se fabrican produtos reciclables que contribúen ao desenvolvemento da economía circular, baseada na máxima reutilización dos recursos para coidar o medio natural.

 

Descortizamento e estelamento
A nosa biofábrica traballa con madeira de eucalipto cultivada en plantacións certificadas de Galicia e xestionadas de forma sostible e responsable. Tras chegaren os troncos de madeira á biofábrica, extráese a súa cortiza e féndense en rachas para facilitar a súa cocción e posterior obtención da celulosa.

 

Cocción
A cortiza e os residuos forestais son usados como biocombustible para xerar enerxía en forma de vapor co que se cocen as rachas en grandes recipientes chamados dixestores, nun licor composto por varios elementos que axudan a separar as fibras de celulosa da lignina, outro compoñente principal da madeira.

 

Xeración de enerxía renovable
O licor de cocción recupérase e é reutilizado no proceso. A lignina, que constitúe un excelente biocombustible renovable e natural, utilízase tamén para xerar máis enerxía, que alimenta o proceso de fabricación da celulosa.

 

Lavado e branqueo
As fibras de celulosa resultantes lávanse con auga para eliminar impurezas e restos de lignina. A pasta branquéase mediante un proceso totalmente respectuoso co medio ambiente.

 

Secado
A celulosa sécase, córtase e embálase; todo isto aproveitando o vapor e a enerxía eléctrica producida no mesmo proceso de biofábrica.

 

Exportación
A celulosa xa estará lista para a súa comercialización co prestixioso selo de calidade ambiental Nordic Swan dos países escandinavos. A enerxía eléctrica que sobra do proceso irá ao sistema eléctrico que abastece os nosos fogares.

 

Arredor do 95 % da celulosa que produce Ence destínase á exportación, principalmente a países do norte de Europa.