A biofábrica de Ence Pontevedra iniciará o vindeiro luns a súa parada técnica anual

A Biofábrica de Ence Pontevedra iniciará este próximo luns, 17 de xaneiro, a súa parada técnica anual, que se prolongará previsiblemente ata o 25 xaneiro.

Durante a parada execútase un ambicioso plan de traballo para incorporar novas tecnoloxías e mellorar as xa existentes, co fin de seguir reforzando a súa eficiencia, fiabilidade e excelencia ambiental. Ademais, como é habitual, xunto cos labores orientados ao mantemento da  biofábrica, aproveitarase a interrupción técnica para o reforzo da súa eficiencia e sustentabilidade.

A seguridade e a saúde de todas as persoas relacionadas coa actividade de Ence representa unha prioridade para a compañía. Por iso, supervisarase rigorosamente o cumprimento de todas as medidas de seguridade dentro da  biofábrica, a través dunha campaña robusta de Observacións Preventivas de Seguridade por parte da liña de mando.

Ademais, debido á Covid-19, a compañía aplicará o seu estrito protocolo de seguridade fronte á pandemia ao conxunto dos traballadores, tanto ás persoas que traballan de forma directa en Ence Pontevedra, como ás que, de maneira adicional, accederán á planta para realizar traballos relacionados coa parada, na súa maioría, procedentes de Galicia.

Entre as medidas que se aplicarán para garantir a protección e seguridade fronte á Covid-19 cóntase a entrega de máscaras  FFP2, a realización de test de antíxenos a todos os traballadores, o control de acceso ás instalacións a través dunha aplicación móbil e a distancia de seguridade.

Na mesma liña, dividiuse a parada en grupos independentes de traballo, limitando o contacto entre as persoas e garantindo en todo momento o cumprimento da distancia de seguridade. Deste xeito presérvase, aínda máis, a seguridade de todos os participantes na parada.

Para Ence, a parada técnica é un momento clave porque durante a mesma materialízanse varios dos eixos primordiais do seu modelo xestión: a excelencia ambiental e en seguridade, a mellora continua dos seus resultados e instalacións e o compromiso social coa contorna.