Aenor certifica a calidade ambiental de Ence Pontevedra

A Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor) certificou un ano máis o bo comportamento ambiental da biofábrica de Ence en Pontevedra. Ademais, e tamén a través do mesmo proceso de auditoría, garantiuse que a biofábrica cumpre coa certificación  ISO 14.001 de sistemas de xestión ambiental.

A biofábrica continúa así mellorando a súa eficiencia e consolidando desta maneira o seu liderado ambiental. Os investimentos realizados nos últimos anos, xunto coa dedicación e compromiso do equipo humano da planta, contribuíron a este logro, no seo dunha compañía que aposta decididamente pola sustentabilidade en todos os seus procesos.

O principal indicador da calidade do efluente –a Demanda Química de Osixeno ( DQO)-, mellorou en 2020 nun 87% o rango superior de referencia que marca a normativa europea de mellores prácticas ambientais do sector da celulosa para este parámetro. A evolución deste dato ratifica os avances que de forma mantida logra Ence Pontevedra na calidade do seu efluente final.

En canto á xestión responsable dos recursos, e grazas ás medidas de mellora continua adoptadas, a biofábrica reduciu nun 6% o consumo de auga nos seus procesos respecto ao exercicio anterior, logrando unha redución do 25% no último lustro.  De igual maneira, o uso de madeira como materia prima para producir unha tonelada de pasta de papel diminuíu nun 4%

A minimización do cheiro é outro dos obxectivos da compañía. Neste ámbito, a biofábrica de Ence en Pontevedra reduciu un 38% as emisións  olorosas durante o 2020 con respecto ao ano anterior. Ditas emisións foron de menos de 1,4 minuto diario de media, fronte aos 2,3 minutos de media rexistrados pola fábrica en 2019.

Ademais, a biofábrica reduciu un 20% a xeración de residuos; e de todos eles, o 99% foi  valorizado, o cal permite a Ence Pontevedra situarse como unha planta á vangarda en xestión, sendo referendada pola certificación “Residuo Cero” de Aenor.

A propia actividade da biofábrica de Ence é un exemplo de contribución á citada economía circular: en todo o proceso de produción da celulosa, a planta produce e opera con materiais reciclables. Ao mesmo tempo, xera enerxía eléctrica renovable a partir da biomasa que non se destina á produción de celulosa, utilizando para iso a  lignina, un compoñente da madeira que constitúe un excelente biocombustible renovable e natural.