Tras as recentes palabras do presidente da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, poñendo en dúbida as conclusións do informe dunha enxeñería independente que avala a imposibilidade de atopar outra localización para a biofábrica de Ence na comunidade galega, o delegado da empresa en Galicia, Antonio Casal, quixo responder a estas declaracións.
“Resulta cando menos rechamante que Antón Masa, sen experiencia nin preparación técnica sobre os procesos de fabricación da celulosa, sexa capaz de atopar alternativas factibles en Galicia para a nosa planta”, sinalou Antonio Casal.
Segundo palabras de Masa, hai moitos outros lugares en Galicia que poderían reunir as condicións necesarias para operar esta biofábrica. Unha opinión que contradi as conclusións ás que, tras pormenorizados estudos, chegaron consultoras independentes da experiencia e prestixio internacional de Pöyry, en 2006, e, máis recentemente, Idom.
Doutra banda, é sorprendente que o presidente da APDR afirme con rotundidade que a prórroga da biofábrica pontevedresa de Ence é ilegal.
A prórroga foi concedida dentro do marco legal vixente e do máis absoluto cumprimento da actual normativa de Costas. A este respecto Antonio Casal afirmou que “Antón Masa non é quen para decidir que a prórroga é ilegal. Son os tribunais os que deben pronunciarse sobre a legalidade da concesión, e non o Sr. Masa, que debería esperar á sentenza da Audiencia Nacional.”