Por máis que se empeñen os de sempre, en atacar ao piñeiro ou ao eucalipto e acusarlles de ser a causa dos incendios en Galicia, así non van evitar traxedias como as vividas estes días, con cuxas vítimas nos solidarizamos desde estas liñas. Empéñanse en organizar protestas infestadas de mentiras, en arremeter contra propietarios, traballadores ou empresas forestais como Ence, sen importarlles o dano que provocan. Propoñen medidas que non evitarían incendios.
Fronte a estas actitudes populistas, destrutivas e irresponsables, en Ence optamos por unha análise con datos obxectivos e verídicos; por buscar solucións reais e viables. A vaga de incendios foi consecuencia de actos criminais de desalmados que, aproveitando a seca, os fortes ventos e o abandono do monte, provocaron intencionadamente eses terribles lumes. É radicalmente falso que o eucalipto arda máis que outras especies. Vexamos algúns datos oficiais que non admiten controversia.
Segundo o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, menos do 1% do eucaliptal galego arde cada ano. De todo o monte que arde anualmente en Galicia, un 7 % son plantacións de eucaliptos, un 13% son plantacións de piñeiros e un 72% é monte abandonado.
A inmensa maioría dos incendios son provocados, moi poucos son naturais. Isto son os datos verdadeiros, o demais son infamias para facer campaña política populista á conta da industria forestal.
O eucalipto representa o 17% da superficie forestal de Galicia, pero achega o 60% dos ingresos a máis de 80.000 propietarios forestais e a miles de traballadores rurais e por centos de empresas. Uns ingresos que redundan no coidado do monte e en reducir radicalmente os incendios. Lograr un monte rendible non está en contradición coa diversidade de especies. Hai espazo para as frondosas autóctonas e para as produtivas como o eucalipto e piñeiro. A lei ten que ser máis severa cos propietarios de monte abandonado, e quizais tamén poida obrigar ás explotacións forestais a ter rodales de frondosas autóctonas e máis devasas. E tense que acabar coas causas que provocan incendios provocados.
Nos montes ben coidados apenas hai incendios porque se limpan porque son rendibles. En cambio, son os montes abandonados os que os criminais queiman por diversas razóns. Quitar eucaliptos ou piñeiros provocará máis incendios porque será monte abandonado.
Deixen de facer política fácil e populista, busquemos solucións reais. Só fai falta que os de sempre abandonen os prexuízos, os intereses espurios e colaboren para que o monte en Galicia sexa rendible e diverso, e que satisfaga as necesidades de todos, porque é posible.