28 de maio de 2016. Antes de que remate este ano, Ence compraralles aos produtores forestais de Carral (A Coruña) asociados en Promacarral 6.000 toneladas de madeira de eucalipto. Ou o que é o mesmo: uns 240 camións de madeira de Carral que será transformada nas fábricas de Ence. Así se desprende do acordo existente entre a empresa e Promacarral e que estará vixente ata decembro do presente ano.
O acordo asinado pola principal empresa de transformación de madeira galega e Promacarral contempla incentivos á produción sustentable de madeira: os socios da agrupación de madeireiros obterán máis diñeiro por cada tonelada de madeira vendida no caso de que esta conte cos selos de certificación PEFC e FSC®. Con estes incentivos á produción sustentable, Ence quere promover as mellores prácticas en materia de xestión responsable dos cultivos de madeira entre os produtores de eucalipto de Galicia. E é que a madeira galega de eucalipto, unha vez transformada por Ence, ten por destino principalmente países do norte de Europa con consumidores con gran conciencia ambiental dispostos a pagar máis por produtos respectuosos coa natureza.
O acordo asinado por Ence e os produtores de Carral contempla primas asociadas ao prezo internacional da pasta de celulosa. As primas á alza actívanse cando se producen ascensos do prezo internacional da pasta de acordo a segmentos de prezo previstos por contrato. Esas primas deixan de executarse en momentos baixista. Con isto fortalécese a competitividade da celulosa galega no mercado internacional, o seu primeiro destino, e compártense os beneficios dos ciclos altos de prezos entre os produtores de madeira e a industria de transformación.