Uxía sementa sorrisos en Ence

5 de outubro de 2015.- Uxía López Cobo ten o sorriso máis fermoso do mundo. E regalouno nas instalacións de Ence en Lourizán a todo aquel que tivo a sorte de cruzarse con ela. A nena e parte da súa familia achegáronse ao Centro de Operacións de Ence en Pontevedra para ter un primeiro contacto en persoa co equipo de Ence logo de que nos últimos 3 anos a empresa respaldase economicamente 2 operacións en Barcelona que lle permiten medrar cunha man funcional.

Uxía naceu sen man esquerda por un problema conxénito. Os seus pais, e toda a súa familia, conxuráronse para buscaren solucións a esta circunstancia. No mes de maio deste ano, Uxía viaxaba a Barcelona para a segunda das dúas operacións  imprescindibles para acadaren o que querían.

Uxía López naceu e vive en Quiroga (Lugo). A súa familia entrou en contacto con Ence en Sabucedo (A Estrada, Pontevedra) cando realizaban unha campaña de captación de recursos para sufragar o custe da primeira das intervencións. A empresa achegou os cartos que, sumados aos que a familia xa acadara na súa busca de apoios, permitirían operar á cativa.

A intervención puido facerse. Pasou o tempo. En novembro do pasado ano, Nuria Cobo volveu poñerse en contacto coa empresa. Era necesario practicar unha segunda operación. Finalmente, realizouse no mes de maio deste ano. Uns días despois, Nuria Cobo enviaba a Ence un vídeo da cativa  aprendendo a controlar a súa nova man co seu cerebro.

E finalmente, meses despois, Uxía visitou a fábrica. “¡Qué grande!”, foi o primeiro que dixo. Entre sorriso e sorriso. Nun encontro cheo de emocións.