Ence destinará 8 millóns de euros á conclusión dos plans de eliminación de olores e vapores

16 de setembro de 2015. No ano 2010, o impacto oloroso da actividade de Ence en Lourizán podía ser apreciado, como media, durante 140 minutos cada día. Ou o que é o mesmo: 4.200 minutos ao mes. Durante todo o pasado mes de agosto, o impacto oloroso quedouse en 29 minutos, menos dun minuto ao día. “Aínda é demasiado”, puntualiza o director do Centro de Operacións de Ence en Lourizán. “O noso obxectivo é o Olor Cero”.

Ence prevé destinar 8 millóns de euros nos 2 próximos anos á consecución dese obxectivo. E tamén a continuar avanzando na redución de emisións de vapor á atmosfera. Virían sumarse aos 8 millóns xa destinados nos últimos 5 anos a estes obxectivos.

Para continuar avanzando nestes obxectivos Ence prevé modificar sistemas de condución de vapor e de gases existentes na fábrica e instalar, ademais, novos equipos. Os esforzos realizados pola empresa nos últimos anos para avanzar sinalaron o camiño a seguir. A eliminación de puntos de emisión -moitos menos hoxe- ou estratexias como a condensación de vapor permitiron, ata o momento, xa non só reducir o impacto oloroso senón tamén modificar en gran medida o aspecto da factoría: a visibilidade de emisións de vapor é hoxe moito menor. “Pero debemos seguir avanzando”, explica Casal. “Dixémolo e dirémolo: queremos construír un exemplo mundial para o noso sector en materia ambiental desde Pontevedra. Fronte a quen di que hai que acabar co emprego industrial e limitarse a actividades como a pesca e o marisqueo, o moderno é compatibilizar as actividades, minimizar o uso de recursos, e construír patróns de sostenibilidade”.

Exemplo de posta en común de recursos foi, nos últimos anos, o uso de enerxía térmica excedentaria do Centro de Operacións de Ence en Lourizán coa Fundación Rías do Sur para o quentamento da auga da piscina de Ponte Muíños. As adecuacións previstas permitirán liberar enerxía térmica. “Creo que podería ser interesante analizar, conxuntamente coas administracións públicas, a procura de novos usos para esta enerxía térmica que resulta excedentaria”.

Estas iniciativas veñen sumarse ás xa despregadas en anos anteriores. A redución de partículas emitidas por Ence a atmosfera reduciuse, no último trienio vencido (2012-2014) en máis dun 37%. Ence prevé continuar mellorando estes niveis, que xa melloran en máis dun 80% a normativa comunitaria, a partir da Parada Técnica do ano que vén. “Queremos ser un exemplo mundial; non nos cansaremos de traballar para iso”.