O 63% das mercadorías que se exportan dende o Porto de Marín proceden da fábrica de Ence

12 de setembro de 2015. A fábrica de Ence en Pontevedra representa o 21% do tráfico total do Porto de Marín en 2014. Unha cifra fundamental para o mantemento da actividade portuaria e para o sostemento do emprego e a actividade económica da comarca.
 
Hai que destacar, así mesmo, que do total das mercadorías xerais embarcadas no Porto de Marín con destino ao exterior a celulosa de Ence representou o 62,84%. Fronte a algunhas declaracións efectuadas recentemente, nas que se restaba relevancia á contribución de Ence para Marín, a fábrica de pasta de papel de Lourizán mostra así que constitúe unha parte fundamental da actividade do Porto de Marín.
 
As cifras que ofrece a Memoria Anual 2014 do Porto de Marín non deixan lugar a dúbidas neste sentido. Así, durante o exercicio pasado, a fábrica de Ence embarcou con destino á exportación 393.000 toneladas de celulosa, que representan unha parte fundamental das 625.000 toneladas de mercadoría xeral que se embarcaron para o exterior.
O mantemento da actividade portuaria de Marín constitúe, en opinión de Ence, unha peza básica para o sostemento do emprego e a xeración de riqueza tanto de Marín como de toda a comarca de Pontevedra. E máis dentro do obxectivo de captación e consolidación de tráficos estratéxicos que persegue o Porto de Marín. O tráfico de mercadorías que achega Ence é fundamental para a comunidade portuaria e para que o Porto de Marín continúe crecendo a fin de seguir xerando desenvolvemento económico e emprego na comarca.
 
Ence é a principal empresa exportadora de Pontevedra e unha das máis importantes de Galicia. Máis do 95% da produción de celulosa da fábrica de Lourizán sae con destino a Europa, o mercado máis esixente do mundo, onde a pasta de papel de Ence é apreciada pola súa alta calidade e polo respecto ao medio ambiente con que é producida.