9 de setembro de 2015. Ence marcouse en 2011 o obxectivo de converter os seus centros de operacións en exemplos de industria verde. E continúa dando pasos para iso. A empresa destinará máis de 20 millóns de euros ao proxecto denominado Novo Ciclo da Auga. Unha vez efectuado este investimento, o Centro de Operacións de Ence en Pontevedra pasará a reciclar e reutilizar gran parte da auga que emprega no seu proceso produtivo. E reducirá en máis dun 90% tanto a auga que toma cada día do Lérez coma o volume do seu efluente á Ría.
O proxecto “Novo Ciclo da Auga” comezou a ser deseñado en 2014. Non existen proxectos comparables en funcionamento no sector industrial español. E vén a sumarse a outras iniciativas de Ence destinadas a continuar avanzando en materia de excelencia ambiental, como os investimentos para a eliminación de olores ou o proxecto de integración arquitectónica da fábrica no ámbito da Ría de Pontevedra.
Ence convocou as principais empresas multinacionais do sector de augas para continuar avanzando en eficiencia no seu ciclo da auga. A empresa xa conta con 3 propostas das propostas, procedentes doutras tantas empresas multinacionais do sector da depuración de augas. Todas elas alcanzan o obxectivo de reducir a demanda de auga do Río Lérez ata deixala en aproximadamente 4.000 metros cúbicos de auga ao día. Supón unha redución superior ao 90% con respecto á demanda de auga actual da fábrica.
Este proxecto é pioneiro na industria global da celulosa. O director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, recorda que a empresa “defende dende hai tempo que dende aquí, dende, Pontevedra, tamén en materia de economía sostible podemos estar á vangarda do mundo. Fronte aos que defenden que os pontevedreses non somos capaces de compatibilizar economía, investigación aplicada e medio, nós levamos anos achegando feitos que demostran que Pontevedra pode facer da súa Ría un exemplo de integración de actividades pesqueiras, industriais, portuarias, turísticas e deportivas”.
Avance sobre avance
Ence xa reduciu o seu consumo total de auga preto dun 43% nos últimos 25 anos. Ademais, os indicadores ambientais do seu Centro de Operacións de Pontevedra melloran moi sensiblemente a normativa da Unión Europea e as esixencias da Autorización Ambiental Integrada (AAI) pola que opera. Así, a Demanda Química de Osíxeno do efluente depurado da empresa mellora ata nun 80% as normas comunitarias, por exemplo.
Unha vez posto en marcha o proxecto “Novo Ciclo da Auga”, a demanda de auga do Lérez por parte da fábrica será equivalente ao 10% da demanda de auga da fábrica en 2014. E mellorará tamén sensiblemente a calidade do efluente á Ría.
Para acadar estes resultados, o proxecto “Novo Ciclo da Auga” considera a reutilización dunha parte moi importante do caudal e a posta en marcha de etapas de depuración adicionais para a auga. Á depuración biolóxica, tamén coñecida como tratamento secundario, que se emprega actualmente, sumaráselle un tratamento terciario. Este tratamento inclúe etapas de microfiltrado con filtros de tea e, a continuación, etapas de ultrafiltración mediante membranas. Acometidas estas etapas e un proceso de osmose inversa, realizado tamén mediante membranas, o efluente final será unha solución acuosa practicamente transparente.