Os produtores de madeira de Viveiro venderán a Ence ata 75.000 toneladas de madeira durante os próximos 12 meses

8 de setembro de 2015. A Asociación de Propietarios de Montes de Viveiro (Promavi), venderá ata 75.000 toneladas de madeira de eucalipto glóbulus a Ence nos próximos 12 meses. O acordo asinado por Promavi e Ence vén a sumarse a outros establecidos nos últimos anos por produtores forestais de madeira da Mariña e a empresa.
 
De acordo co convenio asinado por Promavi e Ence, o prezo de compra da madeira indexarase cada 3 meses ao prezo da pasta de celulosa. Os produtores de madeira comparten así beneficios coa empresa no caso de que o prezo da pasta suba durante o prazo no que o contrato se mantén vixente.
 
Ademais, este convenio tamén mantén primas aos produtores por conceptos coma a xestión sostible dos cultivos de madeira, incorporando novas primas para as plantacións que teñan unha dobre certificación (PEFC + FSC). Ence tamén primará a constitución de coutos redondos entre propietarios que teñan parcelas lindantes sempre que o resultado en madeira destas unións de parcelas supere as 1.000 toneladas. Doutro xeito: aqueles propietarios con parcelas lindantes que traballen conxuntamente para ofrecer un lote de madeira á empresa obterán unha prima adicional no prezo da madeira sempre que o lote que ofrezan supere as 1.000 toneladas.
 
Ence traballa dende 2011 na construción de relacións directas cos produtores de madeira que van dende a compravenda de madeira á colaboración en áreas de traballo como a sostibilidade dos cultivos ou as melloras en silvicultura destinadas a incrementar a produción de madeira por cada pé de eucalipto.
 
Convenios como o asinado por Ence e Promavi para a merca de eucalipto glóbulus benefician ademais a outros sectores, como o do transporte. As 75.000 toneladas de madeira que venderá Promavi a Ence xerarán nos próximos 12 meses ata 3.000 xornadas de traballo de transportistas.
 
En total, un acordo deste tipo supón un movemento no mercado de preto de 4 millóns de euros máis impostos, repartidos entre propietarios, empresas de curta e transportistas.