O Círculo de Empresarios de Galicia visita Ence

29 de xullo de 2015.- Dirixentes e socios do Círculo de Empresarios de Galicia visitaron as instalacións de Ence en Lourizán. No transcurso da visita, que durou preto de 4 horas, puideron coñecer o proceso polo que a madeira galega se transforma en pasta de papel para a súa exportación ao norte de Europa e como a partir da codia da madeira, a lignina e outras biomasas, a fábrica de Pontevedra produce practicamente tanta enerxía renovable como a que consume.

A visita comezou cunha presentación dos aspectos xerais do funcionamento do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra a cargo do director da factoría, Antonio Casal. Nas súas explicacións, Casal fixo un especial fincapé nos proxectos de mellora ambiental da fábrica nos últimos anos, que puxeron a fábrica de Ence en Lourizán á vangarda do seu sector en Europa por parámetros ambientais.

Os empresarios e empresarias tamén realizaron un percorrido polas instalacións da factoría. Dende o Parque de Madeiras, que é o principal centro de transformación de madeira de Galicia, ao centro de control de produción de enerxía renovable, e ás partes das instalacións de Ence nas que a estela de madeira é cocida e tratada para ser convertida, finalmente, en pasta de papel 100% libre de cloro para a exportación.

O Círculo de Empresarios de Galicia é unha asociación privada, de carácter independente, que dende 1993 defende os intereses das mulleres e homes de empresa, contribuíndo ao desenvolvemento económico de Galicia e o norte de Portugal. A entidade está integrada polas 300 empresas máis importantes do sur de Galicia, cuxo volume de negocio supera os 12.000 millóns de euros. Pertencentes ás máis diversas actividades económicas, as empresas accionistas caracterízanse por ocupar posicións de liderado nos seus respectivos sectores e mercados. O Círculo ten ademais 500 socios: empresarios, altos executivos e profesionais, que comparten un forte compromiso co progreso social e económico de Galicia.