Ence impulsa a dobre certificación (PEFC e FSC) para continuar promovendo a sostibilidade dos cultivos de eucalipto

15 de xullo de 2015. As novas tarifas de compra de madeira de Ence incorporan unha nova prima para o estímulo das prácticas responsables de cultivo de madeira de eucalipto. Con esta nova prima, vaise incentivar a madeira proveniente de parcelas con certificación de xestión forestal FSC e PEFC, dúas das acreditacións de xestión forestal máis recoñecidas no mundo.

As tarifas, dirixidas tanto a produtores de madeira independentes coma a subministradores, poden consultarse nos sitios web www.ence.es e www.compramosmadera.es. Dende 2011, Ence publica en internet o prezo que ofrece pola madeira. Con esta iniciativa, a empresa trata de achegar transparencia ao mercado madeireiro.

O impulso á creación de plantacións sostibles é unha das políticas desenvolvidas por Ence no ámbito forestal nos últimos anos. De feito, entre 2011 e 2014 a empresa dedicou máis de 12 millóns de euros a primas pola certificación, actividades de formación e colaboración técnica con asociacións de produtores de madeira en materia de sostibilidade e certificación. Máis do 75% da madeira que Ence compra hoxe en Galicia ten xa un dos dous selos de certificación. Hoxe, o produtor de madeira galego ten ao seu alcance os máis altos estándares de xestión ambiental do mundo.

A reorientación das primas no novo prezo ofrecido pola madeira, primando a dobre certificación, ten por obxectivo continuar estimulando os cultivos responsables. Con estes estímulos, Ence promove a produción de madeira acorde con estándares ambientais de sostibilidade de alto recoñecemento global. Ademais, a certificación é fundamental para asegurar a penetración da celulosa producida polos cultivos forestais galegos nos mercados internacionais. Os clientes do sector papeleiro dos países máis ricos de Europa, aos que se destina a maior parte da produción de Ence Pontevedra, por exemplo, teñen unha cultura de consumo de produtos respectuosos co medio. E están dispostos a pagar máis por este tipo de produtos. A certificación forestal é fundamental para acceder a estes mercados.

A prima á certificación súmase a outras como as xa anunciadas por couto redondo. Tras os avances en materia de certificación nos últimos anos, Ence quere estimular tamén o traballo conxunto dos produtores de madeira. De aí que prime modelos de traballo asociado que permitan limitar o impacto que ten sobre o prezo da celulosa galega a ordenación minifundista da propiedade da terra.