Ence primará a compra de madeira en couto redondo

1 de xullo de 2015. Estimular o traballo conxunto dos produtores de eucalipto que teñen parcelas colindantes. Ese é un dos principais obxectivos das novas tarifas para a compra de madeira ofrecidas por Ence aos madeireiros galegos dende hoxe, 1 de xullo. De aí que a empresa ofreza unha prima de ata 4,50 Euros por tonelada de madeira comprada para aqueles propietarios que traballen baixo o esquema de couto rendondo, é dicir, a aqueles propietarios de terreos adxacentes que coordinen as tarefas e maila planificación do desenvolvemento dos seus cultivos, así como o aproveitamento e a venda da madeira.

O couto redondo é unha figura fundamental para promover a competitividade do sector forestal de Galicia. E iso porque, como é sabido, a atomización da propiedade da terra na comunidade autónoma xera importantes ineficiencias para o sector forestal fronte ao doutros territorios. Para un sector coma o forestal, altamente globalizado, é preciso desenvolver estratexias destinadas a vencer problemas estructurais de competitividade, coma o minifundismo, que impactan negativamente en tódolos elos da súa cadea produtiva.

Mediante o couto redondo, os produtores manteñen a propiedade dos seus terreos. Comparten determinadas tarefas e venden a súa madeira ao mesmo tempo. Cada un dos produtores factura e ingresa a súa propia madeira. Esta solución, ao non interferir en cuestións de máis complicada xestión coma as relativas á propiedade da terra, pode ser unha ferramenta moi importante para xestionar problemas da explotación forestal coma os causados polo minifundismo.

Máis madeira, maiores primas

As primas ofrecidas por Ence para a venda en couto redondo a partir de xullo de 2015 varían entre 1 e 4,5 euros por tonelada. Canto maior sexa a cantidade de madeira existente no couto redondo, maior será a prima. O couto redondo mínimo debe achegar 1.000 toneladas de madeira. A prima, neste caso, sería de un euro por tonelada. A partir de aquí, e canto maior sexa a cantidade de madeira do couto redondo, maior será a prima. Ata acadar os 4,5 euros por tonelada de prima, que se lles ofrece aos produtores que establezan un couto redondo no que haxa máis de 10.000 toneladas de madeira.

Os estímulos ao traballo conxunto dos produtores de madeira ?con ferramentas coma o couto redondo- ou a aposta pola sostenibilidade forman parte da política de Ence de apoiar a modernización das estruturas forestais galegas. Os produtores de madeira dalgunhas comarcas do norte de Galicia xa demostraron que traballando conxuntamente acadaron importantes avances na modernización dos seus esquemas de xestión e na rendibilidade dos seus cultivos de madeira. A mellora do sector beneficia a todos os elos da cadena produtiva. E outorga unha maior competitividade á celulosa do norte de España, algo fundamental para o seu posicionamiento nos mercados internacionais.