165 traballadores pontevedreses na Parada Técnica da Fábrica de Ence en Navia

19 de xuño de 2015. Dende o luns 8 de xuño, 165 traballadores pontevedreses participaron na Parada Técnica Anual do Centro de Operacións de Ence en Navia, que está a chegar á súa fin. Estes operarios forman parte das 6 empresas pontevedresas que se incorporaron á Parada, na que houbo outras 5 compañías galegas. Todas elas colaboran nos labores de mantemento e mellora das instalacións da factoría. Entre as empresas pontevedresas que participan na Parada están Enxeñaría e Montaxes Rías Baixas ou Taelpo.

Un total de 1.432 profesionais de 161 empresas contratistas encargaranse de desenvolver os proxectos programados, entre os que destaca o incremento de 40.000 toneladas na produción de celulosa. 752 destes operarios son asturianos pertencentes a 76 empresas do Principado.

Ence Energía y Celulosa continúa a súa aposta pola mellora ambiental e de competitividade da súa fábrica asturiana. Ademais da ampliación da produción, á que Ence destinará 12 millóns de euros, a empresa investirá durante os próximos días máis de 3 millóns en melloras ambientais. Así mesmo, investiranse 7 millóns de euros en melloras destinadas a incrementar a competitividade.

O Centro de Operacións que Ence Energía y Celulosa mantén en Navia foi ampliado entre 2008 e 2010 con investimentos que superaron os 250 millóns de euros. O proxecto de ampliación completouse co Plan de Eliminación de Olores e coa depuradora de tratamento secundario que garante a calidade do efluente líquido da fábrica. Esta requiriu un investimento de 11 millóns de euros e foi inaugurada en novembro de 2013.

Durante a parada técnica conflúen tamén corporacións contratistas procedentes doutras comunidades autónomas e países como Finlandia, Canadá ou Austria, todas elas empresas especializadas en diferentes ámbitos de traballo.