O efluente líquido de Ence Pontevedra, líder en Europa entre as fábricas do seu sector polo seu respecto polo medio ambiente

17 de maio de 2015. A actualización da comparación entre o efluente líquido de Ence Pontevedra e os do resto das fábricas do seu sector na Unión Europea mantén no liderado, atendendo á sostibilidade, a fábrica pontevedresa. A comparación realizouse atendendo ao indicador máis importante a ter en conta á hora de analizar un efluente líquido: a Demanda Química de Osíxeno (DQO). A normativa europea permite que a DQO do efluente deste tipo de fábricas sexa de ata 20 quilogramos por tonelada. Ence Pontevedra está en 4.47 quilos por tonelada. Ese foi o resultado en 2014.

A Demanda Química de Osíxeno é un indicador fundamental porque determina canto osíxeno necesita unha cantidade determinada de materia orgánica para o seu proceso de oxidación. Na medida na que é consumido no medio acuático, ese osíxeno absorbido por materia orgánica deixa de estar dispoñible para a flora e a fauna acuática. Por iso é fundamental que a demanda da osíxeno se manteña en niveis baixos.

No mapa europeo das fábricas de celulosa, tan só unha factoría finlandesa e a fábrica de Ence en Navia (Asturias) se achegan en materia da DQO do seu efluente a Ence Pontevedra. Os datos da factoría asturiana, cuxa planta depuradora foi ampliada e modernizada en 2013, foron omitidos neste estudo porque serán presentados proximamente en Navia. Pero manteñen niveis moi próximos aos obtidos en Pontevedra.

O efluente líquido de Ence Pontevedra mellora en máis dun 75% o determinado polas normas BREF da Unión Europea. Das 16 fábricas comparadas, tan só 7 melloran en máis dun 50% o indicado polas normas BREF. Ademais das instalacións de Ence, trátase doutras situadas en Finlandia, Suecia e Estonia.

Ence realizou por primeira vez unha comparativa deste tipo en 2012. Naquel momento, a empresa tivo acceso a datos de cada unha das factorías de Europa. Transcorridos 3 anos, Ence realizou unha investigación para actualizar esta comparativa. E entre as conclusións hai unha relacionada coa transparencia: Ence está entre o reducido número de empresas que publican en internet os datos de cada unha das súas fábricas. Algunhas empresas só publican nas súas páxinas web datos agregados: datos medios do conxunto das súas instalacións, non de cada unha das súas factorías. Algunhas outras empresas non fan públicos os seus indicadores ambientais. De aí que no actual estudo falten algunhas fábricas que estaban no anterior.

Ence publica diariamente os seus indicadores ambientais en https://encepontevedra.com. E pon a disposición pública as súas declaracións ambientais anuais a través de diferentes plataformas web.