A actividade de Ence xera 800 empregos na comarca de Pontevedra e máis do 25% das exportacións forestais de Galicia

25 de abril de 2015. A actividade de preto do 30% dos empregados do sector forestal de Galicia está relacionada coa actividade de Ence. E o seu traballo, unido ás tarefas de transformación da madeira no Centro de Operacións da empresa en Pontevedra, xera máis da cuarta parte das exportacións madeireiras de Galicia. De acordo a datos de Confemadera Galicia, as exportacións forestais de Galicia aproximáronse aos 770 millóns de euros en 2013. O 26% desas exportacións saíron polo Porto de Marín, procedentes do Centro de Operacións de Ence en Lourizán (Pontevedra) con destino a países como Alemaña, Francia, Polonia ou Suecia.
 
A fábrica de Pontevedra é o principal axente exportador dun sector, o madeireiro, que ademais é o terceiro que máis emprego xera na comunidade autónoma: máis de 16.600 traballadores e traballadoras de Galicia desenvolven a súa actividade profesional no sector forestal. Así o revela o Diagnóstico de Situación Socioeconómica e Territorial de Galicia elaborado en xullo de 2014 pola Consellería de Economía e Facenda. Trátase do terceiro sector que máis emprego xera ao oeste dos ancares. O número de traballadores vencellados á produción e transformación de madeira en Galicia aproxímase ao xerado pola industria automobilística (18.000 postas de traballo), e supera outros como o téxtil (14.400 empregos) ou o sector naval, que segundo datos da Administración Autonómica xera 9.500 postos de traballo.
 
De acordo co informe realizado por KPMG en 2013 para analizar o impacto da actividade de Ence en Galicia, a actividade da empresa xera na comunidade autónoma 5.048 empregos. Deles, uns 800 -directos, indirectos e inducidos- están en Pontevedra e a súa bisbarra. O número de empregos xerados na provincia de Pontevedra é de 1.300.
 
E é que o Centro de Operacións de Ence en Pontevedra dá traballo de forma directa a unhas 330 persoas. Pero xera un movemento de industrias auxiliares relacionadas coa enxeñaría ou a loxística que é moi superior. Cada día, na fábrica galega de Ence, traballan aproximadamente máis dun centenar de persoas máis vinculadas xeralmente a empresas contratistas que manteñen contratos de longa duración con Ence Energía y  Celulosa.
 
O traballo dos empregados de Ence e as industrias auxiliares no principal centro de transformación madeireira de Galicia comeza, realmente, cando os propietarios forestais da comunidade autónoma cultivan a madeira. A partir dese momento, comezan os labores de selvicultura, que entre 12 e 14 anos despois darán lugar ás de aproveitamento e transporte. Estímase que é necesario o concurso de 7 persoas durante todo o proceso da madeira por cada camión que chega cargado para abastecer a factoría de Ence en Lourizán. E son en total 260 camións con madeira galega os que recibe cada día a fábrica. Toda esta actividade xera, sempre segundo KPMG, unha achega ao PIB galego de 459,4 millóns de euros, preto do 1% do total autonómico.
 
Rendas distribuídas
 
Dadas as particularidades asociadas á propiedade da terra en Galicia, as rendas xeradas no sector produtor de madeira están especialmente distribuídas. Ence cómpralles madeira a máis de 1.800 propietarios diferentes cada ano. En 2014, preto do 70% das compras de madeira da empresa efectuáronse directamente os propietarios ou pequenos intermediarios. Supón un incremento próximo ao 10% con respecto a 2013.
 
Incluíndo as compras madeireiras, o gasto total de Ence en Galicia, supera os 176 millóns de euros. O gasto da empresa en nóminas e na adquisición de bens e servizos en Pontevedra e a súa bisbarra rolda os 44 millóns de euros anuais: 20 en gastos de persoal e outros 24 na adquisición de bens e servizos a empresas locais.