14 de abril de 2015.- Preto de 40 veciñas e veciños de Lourizán visitaron as instalacións de Ence. Nunha visita celebrada por iniciativa da Asociación de Mulleres de Rurais de Lourizán, puideron coñecer o proceso polo que a madeira galega se transforma en pasta de papel para a súa exportación ao norte de Europa e como a partir da codia da madeira, a lignina, e outras biomasas, a fábrica de Pontevedra produce practicamente tanta enerxía renovable coma a que consume.
A visita comezou cunha presentación na Aula de Formación do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra. Alí puideron coñecer os detalles técnicos e dos proxectos de mellora ambiental da factoría. E tamén facer preguntas sobre o seu funcionamento, e sobre as cuestións que, como veciños da fábrica, consideran máis importantes.
O director do Centro de Operacións de Ence en Lourizán, Antonio Casal, participou do encontro. E respondeu ás inquietudes de veciños e veciñas. “Debemos ser máis activos con este tipo de reunións”, explicou Casal ao final do encontro. “Trátase dos nosos veciños e a nosa primeira obriga como bo veciño é facer que nos coñezan. Creo que visitas deste tipo son moi boas tanto para a xente de Lourizán coma para Ence”.
A visita incluíu un percorrido polas instalacións da factoría. Os veciños e veciñas de Lourizán mostraron un especial interese polo produto final, a pasta de papel.
Durante o transcurso desta actividade, e a petición da Asociación de Mulleres Rurais de Lourizán, Ence doou dúas máquinas de coser mercadas nun establecemento comercial de Pontevedra para o curso de corte e confección que a citada Asociación puxo en marcha.