O prezo que paga Ence pola madeira incrementouse nun 14,28% entre os anos 2012 e 2014

15 de marzo de 2015. No ano 2012, Ence pagoulles aos produtores forestais un prezo medio de 35 euros por cada tonelada de madeira adquirida en Galicia para as súas fábricas de Pontevedra e Navia (Asturias). No ano 2014, o prezo medio pagado pola madeira orixe ascendía a 40 euros. No último trienio, por tanto, o prezo que paga Ence Energía e Celulosa pola madeira comprada directamente aos produtores incrementouse nun 14.28%.

O maior incremento de prezos prodúcese en 2014. Nas súas compras directas de madeira a propietarios, Ence pagou un 9.58% máis en 2014 que en 2013. E iso a pesar do anuncio de descenso no prezo ofertado pola madeira do mes de abril dese ano.

Ence viuse obrigada en abril de 2014 a reducir o prezo ofertado por esta materia prima a causa do impacto da reforma eléctrica na valoración da madeira e do descenso que experimentaron os prezos internacionais da celulosa nun exercicio que a compañía pecharía cunhas perdas de máis de 140 millóns de euros. Como se recordará, a reforma eléctrica descoñeceu o valor da lignina para a xeración de enerxía.

O alcance do impacto da reforma eléctrica tivo aínda máis consecuencias para o sector forestal galego. O cesamento da produción de celulosa en Huelva por parte de Ence eliminou a demanda de madeira da empresa no Sur da Península Ibérica. Esta situación motivou que fábricas portuguesas do sector da celulosa, situadas en áreas próximas a aquela zona xeográfica, orientasen cara a alí as súas compras de madeira buscando aforros de custos loxísticos, deixando de aprovisionarse no norte de Galicia.

Incremento superior ao IPC

O incremento do custo da madeira entre 2012 e 2014, dun 14.28%, estivo moi por enriba da variación do IPC no mesmo período. De acordo aos datos do Instituto Nacional de Estatística, o IPC subiu 3.2% nese trienio.

En todo caso, para Ence é unha boa e necesaria noticia que a produción de madeira estea convenientemente remunerada. A política de prezos ofertados por Ence Energía e Celulosa para o aprovisionamento de madeira persegue dous obxectivos: por unha parte, facer competitiva a celulosa galega no mercado internacional. En segundo lugar, garantir unha retribución interesante para os propietarios e propietarias forestais, asegurando así a continuidade da actividade.