Melloras Ambientais e de eficiencia, obxectivos da Parada Anual de Ence, que comeza este luns

14 de marzo de 2015. A partir deste luns e ata o luns da semana seguinte, día 23, o Centro de Operacións de Ence en Lourizán cesa por completo as súas actividades de produción de celulosa e enerxía para executar accións de mantemento e mellora das instalacións. Profesionais vencellados a un total de 65 empresas traballarán da man do persoal de Ence. As actuacións da Parada Técnica Anual de Ence están presupostadas en 6.5 millóns de euros.

Máis de 2,5 millóns de euros -o 40% do presuposto- destinarase a continuar efectuando melloras ambientais nas instalacións. O Centro de Operacións de Ence en Pontevedra é dende hai anos unha referencia a nivel mundial en xestión ambiental no seu sector. E quere consolidarse nesta posición. Para iso, continuará incorporando tecnoloxía destinada a continuar avanzando cara ao Obxectivo Olor Cero. As actuacións relacionadas con este proxecto e que forman parte da Parada teñen un presuposto de máis de 2 millóns de euros. As melloras ambientais efectuadas nos últimos anos para alcanzar este obxectivo xa conseguiron reducir o impacto oloroso da factoría en máis dun 98%.

As melloras en materia de eficiencia e redución de custos son outro dos grandes obxectivos da Parada. A celulosa procedente de madeira galega que Ence exporta a países de toda Europa compite nun mercado internacional cada vez máis competitivo. Ence destina máis de 2 millóns de euros nesta Parada a melloras e adecuacións tecnolóxicas para continuar garantindo a competitividade.

A empresa precisa acometer importantes investimentos adicionais para consolidar a posición da factoría pontevedresa nos mercados internacionais. O impacto da reforma eléctrica na actividade de Ence xerou un incremento considerable nos custos de produción da fábrica o pasado ano. A situación administrativa da factoría frea ata o momento eses investimentos.

Durante a Parada Técnica tamén se efectuarán, ademais, melloras tecnolóxicas destinadas a manter á factoría a vangarda en Seguridade e Saúde Laboral. E tamén se efectuarán reposicións de equipos en diferentes áreas da fábrica.

Ence Pontevedra realiza todos os anos, no mes de marzo, a súa Parada Técnica Anual. Durante o desenvolvemento da Parada efectúase un exhaustivo mantemento das instalacións e incorpóranse novas tecnoloxías. Tamén se inician proxectos de mellora tecnolóxica que, en ocasións, deben executarse durante meses. As melloras tecnolóxicas e de xestión da operación da factoría serviron para obter importantes resultados nos últimos anos. Tanto en materia de competitividade, na que é especialmente necesario seguir avanzando, como en materia ambiental. Ao xa mencionado avance do 98% en materia de xestión de olores, súmaselle unha redución próxima ao 50% en emisión de partículas entre 2011 e 2014, así como avances similares en mellora da calidade do efluente líquido á Ría.