55 directivos de Ence de toda España celebran en Pontevedra a súa reunión anual de Planificación Estratéxica

19 de novembro de 2014.Dende hoxe mércores e ata o próximo venres día 21, 55 directivos de Ence e Enerxía e Celulosa reúnense en Pontevedra para definir a estratexia e os obxectivos da empresa para o ano 2015. As Xornadas de Lanzamentos de Obxectivos 2015 e Revisión Estratéxica de Ence celébranse no Parador Nacional de Turismo Casa do Barón.

As Xornadas de Lanzamento de Obxectivos comezaron a celebrarse en 2011. Trátase da primeira vez que se celebran en Pontevedra. E xerarán preto dun cento de estadías hoteleiras na cidade, así como gastos en establecementos de hostalaría e restauración, traslados ao aeroporto de Vigo, etc…

Durante estas Xornadas, cada departamento da empresa presentará as súas propostas de traballo para 2015. Debátese sobre estas propostas e créanse grupos de traballo para o establecemento de determinados obxectivos.

Os avances nos plans de recuperación da competitividade da empresa tras o impacto que lle xerou a reforma eléctrica, e os próximos pasos en mellora da xestión ambiental dos Centros de Operacións de Ence están entre os puntos máis destacados a tratar nas Xornadas.

Este evento é o terceiro dos relacionados con Ence que, no que vai de ano, ten un impacto significativo na hostalaría da bisbarra. Fai apenas 2 meses, nunha Xornada Técnica para Clientes, Ence reunía en Pontevedra preto dunha vintena de representantes de fábricas de papel de toda Europa. No mes de marzo, participaron na Parada Técnica da fábrica durante 10 días preto de 1.500 traballadores. Uns 500 procedían de empresas de toda España, o estranxeiro e o resto de Galicia e aloxáronse, fundamentalmente, en establecementos hoteleiros de Pontevedra, Poio e Marín.