Clientes de Ence procedentes de empresas de Alemaña, Francia, Portugal e o resto de España participan nunha xornada técnica en Lourizán

15 de setembro de 2014. Un grupo de 20 especialistas en produción e mercados no sector papeleiro participará este mércores, día 17, nunha xornada técnica sobre a pasta de papel totalmente libro de cloro (TCF) en Pontevedra. Trátase de clientes de Ence Energía y Celulosa convidados pola empresa e procedentes de compañías do sector de Alemaña, Francia, Portugal e o resto de España. En toda Europa, tan só dúas fábricas producen pasta de papel sen empregar cloro ou derivados do cloro, apostando polo osíxeno e o peróxido de osíxeno (auga osixenada) no seu proceso produtivo. O Centro de Operacións de Ence en Pontevedra é unha desas dúas.

A pasta de papel producida por Ence en Pontevedra é especialmente valorada nos mercados con maior capacidade adquisitiva de Europa polo feito de non ter cloro entre os seus compoñentes. E pola calidade ambiental da súa elaboración. As principais organizacións ecoloxistas do mundo recomendan que, á hora de comprar produtos papeleiros, cando se opte por papeis procedentes de fibras naturais -non reciclados- se opte polo papel TCF. O proceso de elaboración de papel sen empregar cloro ten indubidables vantaxes ambientais. O Centro de Operacións de Ence en Pontevedra opta por tecnoloxía TCF (Totally Chlorine Free) dende o ano 1997.

No transcurso da xornada de traballo, que se desenvolverá no Centro de Operacións de Ence en Lourizán, os clientes de Ence aproximaranse da man dos técnicos da empresa a cuestións relacionadas co proceso de produción, a xestión ambiental da fábrica -que obtén ano tras ano os mellores indicadores ambientais das factorías europeas-, e a proxectos de investigación relacionados coa produción de pasta libre de cloro.

Os clientes de Ence chegados de diferentes países de Europa aloxaranse nun coñecido establecemento hoteleiro da cidade. E terán tempo, ademais, para facer un percorrido turístico polo seu casco vello. A visita guiada foi contratada á empresa pública municipal Turismo Pontevedra e desenvolverase en inglés.

Ademais, os participantes na xornada levaranse material promocional de Pontevedra e as Rías Baixas.