Catro estudiantes beneficiaranse por terceiro ano consecutivo das Bolsas Ence para Estudos de Máster

26 de agosto de 2014.- A convocatoria da terceira edición das Bolsas Ence para Estudos de Máster está resolta. Os alumnos e alumnas Sara Ferreiro Carballal, Andrea López Rivas, Adrián Romaní Vázquez e Martín Fernández Sánchez beneficiaranse das axudas que ofrece a empresa para apoiar a realización de estudos de posgrao por parte de pontevedreses e pontevedresas que obtiveron as mellores calificacións nos seus estudos de grao. Os tres primeiros cursarán os seus estudos en España. A relación de beneficiarios outorga tamén a Martín Fernández Sánchez o apoio de Ence para continuar a súa formación no estranxeiro, concretamente na Paris School of Economics, mentres que os seus compañeiros e compañeiras estudiarán nas universidades de Valencia, Vigo e Santiago de Compostela.

As Bolsas que concede Ence axudarán aos catro estudantes a especializaren os seus coñecementos e a desenvolver as súas capacidades nos distintos campos escollidos, que inclúen un Máster en Políticas Públicas e Desenvolvemento (PPD) en París, un Máster en Biodiversidade: Conservación e Evolución, e estudos en materias coma Xestión do Desenvolvemento Sustentable e Enxeñaría Química e Bioprocesos.

As Bolsas serán de 6.000 euros para o estudante que complete a súa formación no estranxeiro, e de 3.000 euros para os que realicen os seus estudos en universidades de España. Nas bases estableceuse que aqueles estudantes que fagan os seus estudos fóra de Galicia reciben unha axuda adicional para o desprazamento de 1.000 euros. É o caso dunha das beneficiarias.

Esta iniciativa, que se integra no firme compromiso de Ence de contribución ao desenvolvemento económico e social de Pontevedra, dalle prioridade aos alumnos e alumnas beneficiarios das Bolsas para Estudos de Máster á hora de realizaren prácticas na empresa. Deste xeito, a compañía quere completar o seu apoio ás persoas que obteñen as Bolsas poñendo ao seu dispor, tamén, o seu know-how en diferentes áreas de xestión.

Dende a creación do programa de Bolsas hai 3 anos, 15 estudiantes de Pontevedra e bisbarra realizaron estudos de máster co apoio das Bolsas Ence.