Os productores de madeira de Cedeira venderán a Ence ata 10.000 toneladas de madeira ata finais de ano

27 de xuño de 2014.- A Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira (A Coruña), Promace, venderá 10.000 toneladas de madeira de eucalipto a Ence antes de que finalice o presente ano. O acordo vai máis alá da compra-venda e contempla ademais a colaboración entre ambas as dúas partes para alcanzar melloras na produtividade dos montes de Cedeira, para a subministración de planta, e actividades de formación para os produtores de madeira asociados a Promace.

Este acordo vén a sumarse ao alcanzado a semana pasada pola asociación que reúne os produtores de Mañón (A Coruña), PromaMañón. E considera a actualización do prezo, cunha redución de 3.5 €/tonelada, que permite manter a competitividade da madeira galega nos mercados internacionais tras o impacto xerado no sector pola reforma eléctrica.

O coñecido como decreto das renovables discrimina negativamente a coxeración eléctrica con lignina. A celulosa e a lignina son os dous compoñentes básicos da madeira. A industria pasteira extrae e dalle forma á celulosa, e aproveita o potencial térmico da lignina para producir enerxía renovable. De feito, o Centro de Operacións de Ence en Pontevedra é a única grande instalación industrial de Galicia que produce de forma renovable practicamente a mesma enerxía que necesita para o seu proceso fabril. Estímase que a lignina ten un peso próximo ao 40% no valor da madeira.

O convenio mantén primas aos produtores por conceptos como a xestión sostible dos cultivos de madeira. A aposta pola sostibilidade, convenientemente certificada por un dos dous selos forestais de implantación xeneralizada, permitirá aos produtores e produtoras de madeira obter primas de ata 7 euros por tonelada de madeira vendida.

Ence traballa dende 2011 na construción de relacións directas cos produtores forestais que van dende a compra-venda de madeira á colaboración en áreas de traballo como a sostibilidade dos cultivos ou as melloras en silvicultura destinadas a incrementar a produción de madeira por cada pé de eucalipto.

Convenios como o asinado por Ence e Promace benefician ademais a outros sectores, coma o do transporte. As 10.000 toneladas de madeira que lle venderá Promace a Ence xerarán nos próximos 5 meses ata 400 xornadas de traballo de transportistas. Farán necesarias, ademais, máis de 2.000 xornadas de traballo para o aproveitamento madeireiro en Cedeira e o seu ámbito.