Ence investiu preto de 9 millóns de euros en melloras de carácter ambiental en Pontevedra nos últimos 3 anos

21 de xuño de 2014. Entre 2011 e 2013, o impacto oloroso do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra reduciuse nun 96%. Ademais, tamén melloraron sensiblemente indicadores claves como os relacionados coa calidade do efluente de Ence á Ría, o consumo de materias primas ou a emisión de partículas en suspensión. A empresa mellora de forma moi notable os principais indicadores de xestión ambiental determinados pola normativa da UE.

O traballo das preto de 800 persoas da bisbarra cuxa actividade profesional está relacionada coa de Ence, investimentos por valor de 8.8 millóns de euros, e o obxectivo que se marcou a empresa de consolidar as súas fábricas como exemplos de xestión ambiental a nivel mundial están detrás destas melloras.

O avance en materia de redución de olores é o máis perceptible. Para alcanzar este punto efectuáronse importantes investimentos en tecnoloxía e revísanse de forma continua os procedementos de traballo nas fases do proceso de produción de Ence susceptibles de xerar olores. A empresa ten o ambicioso obxectivo de eliminar por completo os olores no que resta de 2014.

Tamén se efectuaron, nos últimos anos, importantes investimentos destinados a reducir as emisións de vapor da factoría. O resultado é visible para toda a cidadanía. O impacto visual desas emisións afectaba ao ámbito da Ría e xeraba un efecto alarma na cidadanía. En materia de emisións aéreas, a empresa rexistrou importantes melloras en materias como a emisión de partículas. A Declaración Ambiental de Ence correspondente a 2013 será feita pública no mes de xullo.

Ademais, a fábrica de Ence en Lourizán consolida a súa posición de liderado en materia de Demanda Química de Osíxeno (DQO) entre todas as fábricas do seu sector en Europa. A DQO é o principal indicador da calidade dun efluente líquido.

A empresa tamén quere avanzar na integración paisaxística da fábrica. Para iso convocou en 2012 un Concurso Arquitectónico no que resultou vencedor o proxecto ‘Materia Propia’, do estudo valenciano Orts&Trullenque. No Concurso participaron 102 proxectos de diferentes países. Tal e como se estableceu nas bases do certame, o proxecto arquitectónico será desenvolvido sempre que as condicións administrativas o permitan.