PromaMañón venderá a Ence ata 10.000 toneladas de madeira de eucalipto nos vindeiros 12 meses

21 de xuño de 2014.-Os produtores forestais de Mañón (A Coruña) e Ence Energía y Celulosa continúan traballando da man. Ence e máis PromaMañón, a entidade que xunta aos produtores de madeira do municipio coruñés e o seu ámbito, acadaron un acordo polo que os produtores forestais vencellados á asociación subministrarán á empresa ata 10.000 toneladas de madeira de eucalipto nos vindeiros 12 meses. O convenio considera ademais o traballo conxunto de ambas as dúas entidades para o fomento da ordenación de cultivos forestais, a mellora fitosanitaria, a xestión sostible das masas de eucalipto, e a transparencia do mercado da madeira.

Este acordo vén sumarse aos alcanzados por Ence Energía e Celulosa e asociacións de produtores de madeira de toda Galicia nos últimos anos. O convenio xerará ata 400 viaxes de camión e máis de 2.000 xornadas de traballo na zona forestal de Mañón tan só para o aproveitamento da madeira.

O acordo alcanzado entre ambas as dúas partes xa reflicte a redución no prezo da madeira xerada pola reforma eléctrica. O prezo base por tonelada vese reducido en 3.5 euros por tonelada con respecto aos prezos ofertados pola madeira ata o primeiro trimestre do presente ano. O convenio mantén, ademais, primas por conceptos como a xestión sostible dos cultivos de madeira. A aposta pola sostibilidade, convenientemente certificada por un dos dous selos forestais de implantación xeneralizada permitirá aos produtores e produtoras de madeira obter primas de ata 7 euros por tonelada de madeira vendida.

Por outra parte, e tal e como xa viña sucedendo co anterior convenio entre Ence e PromaMañón, haberá unha indexación do prezo da madeira aos prezos internacionais da pasta de celulosa. A indexación do prezo da madeira ao da pasta permitirá compartir cos produtores unha parte do beneficio adicional xerado polas subas do mercado internacional da celulosa. Ademais, o convenio establece liñas de traballo conxunto para a promoción da sanidade vexetal e o control de pragas. Ence tamén apoiará os produtores vinculados a Ence nas súas accións dirixidas a incorporar a xestión das súas masas forestais principios de responsabilidade que lles permitan obter para as súas plantacións certificacións PEFC e FSC®.