Os provedores forestais de ENCE terán acceso preferencial a produtos do BBVA

BBVA asinou un convenio de colaboración financeira e de servizos con Ence Enerxía e Celulosa. Con este novo acordo, BBVA pon a disposición de todos os provedores do líder europeo en produción de celulosa de eucalipto un amplo conxunto de produtos e servizos financeiros para apoiar as súas necesidades, coa finalidade de impulsar o crecemento competitivo das pemes.

Juan Carlos Hidalgo, director da Territorial Noroeste de BBVA, por parte da entidade bancaria, e Antonio Casal, director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, asinaron o acordo en nome de ambas as dúas institucións.

Durante o acto da firma, Juan Carlos Hidalgo afirmou que “BBVA é un banco global que se encontra intensamente ligado a esta terra. A firma deste convenio de colaboración responde ao compromiso de BBVA con Galicia, que se une ao noso firme apoio ao tecido empresarial galego, poñendo á súa disposición as nosas fortalezas para afrontar os seus retos futuros: innovación, internacionalización e financiamento solvente. “

Pola súa banda, Antonio Casal destacou que “para Ence é unha satisfacción poder ser un dos promotores dun acordo que beneficia a unha parte importante do sector forestal” Casal explicou que “do mesmo xeito que colaboramos con produtores de madeira e outros axentes do sector en materias como a certificación forestal sostible ou a extensión das mellores prácticas silvícolas, a través de iniciativas como esta se xeran ferramentas dirixidas a apoiar cuestións tamén moi importantes e relacionadas co financiamento das empresas. Un sector forestal forte é bo para toda Galicia, e tamén para Ence”.

Mediante a firma deste acordo, os provedores da pastera poderán obter, entre outras vantaxes, xestión diaria, convenios de financiamento ICO e seguros. Ademais, destaca a oferta relacionada cos anticipos no cobramento da madeira proveída, que establece condicións económicas vantaxosas para as empresas provedoras.