Ence propón establecer unha mesa de traballo sobre a Ría

13 de abril de 2014.A presenza de coliformes fecais é o principal problema ambiental da Ría de Pontevedra. Asemade, e dado o seu impacto na actividade marisqueira, este fenómeno ten repercusións de carácter económico. Ence insta á creación dunha mesa de traballo sobre a Ría na que haxa presenza do sector da pesca e o marisqueo, as administracións públicas, a sociedade civil e as empresas vencelladas á Ría.

A empresa cre que informacións falsas, como a divulgada en días pasados por APDR relacionando a Ence coas coliformes –un tipo de bacteria que ten presencia nos excrementos humanos, non no proceso produtivo de Ence–, non axudan a resolver o problema. Constitúen ademáis un serio prexuízo para os colectivos que dependen da Ría, que ven como esta situación non acaba de resolverse.

Os niveis de coliformes nunha parte da Ría deben ser un obxectivo común contra o que sumar esforzos. E o traballo conxunto debe facerse dende unha perspectiva seria, responsable, rigorosa e á marxe de accións propagandísticas. “Trátase dun tema demasiado importante como para que siga sendo utilizado por intereses políticos ou de calquera outra índole”, explica o director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal. Ence non emprega no seu proceso industrial materias primas que teñan un contido sequera minimamente substancial de coliformes. “Todas as persoas que teñen coñecementos técnicos saben que as coliformes non teñen nada que ver con Ence nin co proceso polo que a madeira se transforma en pasta de papel totalmente libre de cloro. Nada de nada. Pero debemos ir alén destas cuestións. Seguro que todos queremos colaborar para termos unha Ría exemplar. Traballemos conxuntamente para iso co rigor que merece un asunto como este”.

 

Casal recorda que tanto nas administracións públicas coma nas universidades, os centros de investigación e as empresas existe persoal técnico moi cualificado para analizar as causas do problema e propoñer solucións. Na súa opinión, “existe marxe de mellora para a Ría e todos debemos ser responsables e traballar por esta mellora lonxe de posturas persoais ou de intereses diferentes aos relacionados coa promoción da biodiversidade e a creación de riqueza sostible”.

Casal recorda que en xuño do ano pasado Ence xa fixo un chamamento público para o traballo conxunto pola Ría. Naquela ocasión, a empresa defendía que se traballase para a mellora da conservación da Ría e a promoción da xeración de riqueza sostible a partir do turismo, o marisqueo e a acuicultura, e a actividade industrial e portuaria. “Nós cremos que dende Pontevedra, dende Galicia, pode desenvolverse unha experiencia exemplar de promoción da biodiversidade e desenvolvemento económico nunha zona tan especial como a Ría”, explica Casal. “Son esas cousas que un ve que suceden noutros países, como os países nórdicos, e admira. ¿Quen non cre que en Pontevedra somos capaces de facelo?”.

Para Ence, a suma de esforzos entre diferentes actores, a partir de información de carácter técnico compartida lealmente por todos, pode ser unha da claves para rematar definitivamente co lamentable problema de coliformes que ten a Ría e para avanzar na xeración de riqueza sostible. “O asunto das coliformes impide a creación de varias decenas de postos de traballo na Ría”, explica Casal. “Creo que deberiamos comezar a traballar nestes asuntos de forma conxunta e buscando a construción de consensos que sirvan para acadar melloras para todos, non beneficios parciais nin partidarios”.