Ence convoca por terceiro ano consecutivo o seu Programa de Bolsas para Estudos de Master para estudantes de Pontevedra e bisbarra

26 de abril de 2014. Grenoble (Francia), Madrid ou Barcelona, foron algúns dos destinos dos estudantes beneficiados o ano pasado coas Becas Ence para Estudos de Máster. A compañía lanza agora o seu III Programa de Bolsas, destinado á realización deste tipo de estudos en universidades de Galicia, o resto de España e o estranxeiro.

Cada unha das 4 bolsas para a realización de estudos no estranxeiro terá unha dotación de 6.000 euros. Como en anos anteriores, o 50% do importe da bolsa recíbese antes do inicio dos estudos. O 50% restante desembólsase cando a persoa beneficiada remata os seus estudos. Aqueles estudantes que opten polas universidades galegas recibirán un apoio de 3.000 euros. Os que se efectúen os seus estudos noutras universidades do Estado recibirán, ademais dos 3.000 euros, un complemento de 1.000 euros para gastos de desprazamento.

A convocatoria inclúe este ano dúas novidades: por unha parte, non se limitará o número de bolsas en función de criterios xeográficos. En 2013, cando por primeira vez se ofertaron bolsas no estranxeiro, limitouse a 2 o número de axudas para estudantes que quixesen ampliar e especializar os seus coñecementos fóra de España. Na presente edición, os criterios de resultados académicos e pertinencia dos estudos serán os únicos a ter en conta independentemente de cuestións territoriais. Con esta iniciativa, Ence pretende incrementar o seu apoio aos mellores talentos que consideren realizar os seus estudos en centros estranxeiros de alto nivel de especialización e prestixio.

Preferencia para as prácticas na empresa

Ademais, os alumnos e alumnas que realicen os seus estudos de máster co apoio das Bolsas Ence terán prioridade á hora de realizar prácticas na empresa. Con iso, a empresa quere completar o seu apoio ás persoas subvencionadas poñendo á súa disposición, tamén o, seu know-how en diferentes áreas de xestión tanto xerais -económica, administrativa,…- como específicas e relacionadas con asunto como a xestión forestal, a xestión ambiental, ou a xestión operativa de plantas industriais e centrais de xeración eléctrica.

O director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, explica que a “experiencia das Bolsas está resultando moi positiva para Ence”. Casal anima outras empresas a apoiar aos estudantes e ás estudantes da bisbarra. “É unha das mellores achegas que todos podemos facer ao futuro da bisbarra. Todo depende, cada vez máis, da formación. De cara ao futuro económico é fundamental contar con persoas que poidan achegar altos niveis de formación”.

As bases do segundo programa de bolsas Ence están dispoñibles na área de Documentación desta web. Tamén hai un vencello ás bases ao final desta información A empresa priorizará aquelas solicitudes para o estudo de programas relacionados coa protección de medioambiente e a biodiversidade, as ciencias forestais e agrarias, a enxeñaría, o desenvolvemento industrial e infraestruturas territoriais, a administración e xestión da empresa e as ciencias sociais e da comunicación.

As Bolsas Ence Pontevedra para Estudos de Master están dirixidas a novos estudantes residentes na cidade de Pontevedra e a súa bisbarra. Os candidatos deberán encontrarse no momento da presentación da solicitude en posesión dun título superior universitario recoñecido.

Non obstante, poderán solicitar Bolsa estudantes que estean cursando o último ano de carreira no curso académico 2013-2014. Neste caso, a concesión da Bolsa quedará condicionada á obtención do título universitario na convocatoria de xuño/xullo de 2014, coa mesma nota media ou superior á que tiñan ata o momento da convocatoria.

Os aspirantes non poderán percibir remuneración económica ou salarial nin ser beneficiario de ningunha bolsa, axuda económica, ou calquera outra asignación de similar natureza de institucións e fundacións públicas ou privadas, durante o período de desfrute da bolsa.

Os interesados poden solicitar máis información sobre a III Convocatoria de Bolsas de Ence en Pontevedra a través da dirección de correo electrónico becasencepontevedra@ence.es.