O Centro de Operacións de Ence en Pontevedra reinicia a producción

02 de abril de 2014. Avances en competitividade e sostibilidade ambiental. Eses foron os dous eixes arredor dos que se estruturou a Parada Técnica 2014 de Ence Pontevedra, xa en fase de finalización. Tal e como explica o director do Centro de Operacións de Ence en Galicia, Antonio Casal, “realizamos investimentos importantes para mellorar en eficiencia enerxética e consumo de materias primas. E tamén para reducir a visibilidade das nosas emisións de vapor e continuar mellorando a integración paisaxística da fábrica de Pontevedra. Ademais, continuamos avanzando na mellora da xestión do impacto oloroso. A redución supera o 95% dende 2010 pero continuamos traballando para eliminalo por completo”.

Os máis de 3.000 motores da factoría galega de Ence volven poñerse en movemento pouco a pouco. Antonte, luns, comezaron as probas na caldeira de recuperación, que xera enerxía coa lignina da madeira, e na caldeira de biomasa que tamén alberga a fábrica. O martes iniciábanse, tamén en probas, as primeiras coccións de madeira. A factoría galega de Ence en Pontevedra transforma cada día preto de 3.500 metros cúbicos de madeira en pasta de papel, principalmente para a exportación. Ademais, empregando as partes da madeira que non utiliza para a produción de pasta -codia, ramaxes, cachopas… – e restos forestais comprados a particulares e terceiras empresas, produce enerxía renovable con biomasa. Como a práctica totalidade das grandes instalacións industriais, unha vez ao ano acométese unha Parada Técnica que serve para realizar labores de mantemento en frío e para incorporar novas tecnoloxías.

Na Parada Técnica participaron 1.125 traballadores de empresas externas, 430 deles vinculados a empresas situadas no ámbito da fábrica. E tamén se sumaron aos traballos os 350 traballadores de Ence en Pontevedra. A Parada tivo un presuposto de 7.5 millóns de euros, dos que 2.5 se destinaron a operacións de mantemento. Outros 5 millóns de euros dedicáronse a investimentos para a mellora da competitividade da factoría e a continuar avanzando no Plan de Mellora Ambiental. As instalacións de Ence en Pontevedra son hoxe un referente europeo no seu sector atendendo á calidade do seu efluente líquido á Ría, mellorando sensiblemente as disposicións da UE sobre verteduras industriais e os indicadores das factorías do sector en países como Finlandia ou Suecia, tradicionalmente á vangarda mundial dos sectores forestal e papeleiro.

Antonio Casal explica que “ao longo de toda esta semana continuaremos arrancando a fábrica e confiamos en estar ‘a tope’ de produción a semana próxima”. A fábrica, a única de España que produce pasta de papel totalmente libre de cloro, debe atender pedidos de fábricas de papel, principalmente dedicadas á produción de papel tisú, de países do Norte de Europa. O ano pasado, a fábrica exportou o 96% da súa produción.