Máis de 1.125 traballadores e traballadoras súmanse dende o luns aos 350 empregados de Ence na Parada Técnica da fábrica de Pontevedra

22 de marzo de 2014. Dende o próximo luns e ata o día 1 de abril, 1.475 traballadores participan na Parada Técnica Anual de Ence Pontevedra. É o resultado de sumar aos 350 empregados de Ence no municipio, outros 1.125 de empresas externas. A Parada Técnica da factoría galega da empresa ten este ano un orzamento de 7.5 millóns de euros. As principais tarefas que se efectuarán durante a Parada están relacionadas con melloras ambientais, investimentos destinados a mellorar a eficiencia enerxética da factoría, e investimentos destinados a mellorar a competitividade do Centro de Operacións incorporando novas tecnoloxías.

A maior parte das grandes instalacións industriais realizan unha parada técnica anual para facer un mantemento exhaustivo e incorporar novas tecnoloxías. Ence Energía e Celulosa programa cada ano, no mes de marzo, a Parada Técnica do seu Centro de Operacións de Pontevedra. A produción de enerxía e celulosa cesa por completo e o persoal de Ence e un amplo equipo de empresas colaboradoras externas executan un amplo e preciso plan de traballo que foi deseñado durante os meses anteriores.

O director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, explica que “o primeiro que poderá notar a cidadanía despois da Parada é que continuamos reducindo a visibilidade de emisións de vapor. Levamos dous anos facendo un grande esforzo investidor para rematar con esa estampa que durante anos se coñeceu da fábrica, cun volume importante de emisións de vapor de auga. É unha imaxe que non se corresponde coa actual Ence. Somos o equipo que está a modernizar a fábrica e remata cos seus problemas do pasado. Non imos parar ata logralo”.

Os investimentos en materia de vapores e olores que se realizarán durante a Parada, estas últimas asociadas a melloras nos penachos -chemineas-, a outras destinadas a melloras técnicas e a obtención de eficiencias na produción de enerxía con biomasa e de pasta de celulosa totalmente libre de cloro (TCF). “Nos próximos meses haberá algúns outros investimentos importantes”, explica Casal. O director do Centro de Operacións, a directora de Enxeñaría, Esther Couceiro, e todo o equipo de Ence Pontevedra traballan dende hai meses na preparación desta Parada.

 

407 traballadores de Pontevedra e bisbarra

Durante a Parada Técnica, aos traballadores e traballadoras de Ence sumaránselles 1.127 operarios. 407 deles proceden de empresas da bisbarra. Reuniranse, polo tanto, nas instalacións de Ence en Pontevedra, 757 profesionais de Pontevedra e os municipios próximos: os 350 empregados que forman parte do equipo de Ence e que traballan en Lourizán e outros 407 vinculados a 16 firmas de Pontevedra e municipios próximos como Enxeñaría e Montaxes Rías Baixas, Metalyset, Taelpo ou Metaca (de Marín). Moitas destas firmas traballan con Ence durante todo o ano.

Do total de operarios externos que se suman á Parada, 556 proceden de 28 empresas galegas, principalmente das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os 403 traballadores restantes proceden doutros puntos de España, de empresas especializadas en mantemento e enxeñaría vinculadas ao sector da produción de celulosa no norte de Portugal, ou de compañías de países como Suecia.

Melloras en eficiencia enerxética e competitividade

A fábrica de Ence en Pontevedra adianta nos últimos anos un ambicioso plan de mellora ambiental e avances en sostibilidade. Conseguíronse importantes avances en redución de consumo de auga: un 25% entre 2003 e 2013. E tamén se traballa para reducir o consumo enerxético da fábrica. “É un tema importante para nós, tanto por razóns ambientais como económicas”, explica Casal. De aí que a obtención de melloras en eficiencia enerxética estean entre as principais accións da Parada.

“Apostamos tamén por renovacións ou adecuacións en equipos e instalacións que nos permitirán reducir os nosos custos de produción ao gañar eficiencias técnicas”, explica Casal. Trátase de melloras en diferentes partes do proceso da fábrica.

Ás melloras ambientais, e en competitividade e eficiencia enerxética, Ence destínalle preto de 5 millóns de euros dos 7.5 do presuposto da Parada.

En todo iso traballarán os empregados de Ence e outros 1.125 de empresas colaboradoras durante os próximos días. Estímase que estes últimos xerarán unhas 2.700 pasan a oite en establecementos hoteleiros, principalmente de Pontevedra, Poio e Marín. Dende hai semanas, hoteis da cidade puxéronse en contacto con Ence para solicitar información sobre a relación de empresas participantes na Parada de cara a efectuar ofertas para recibir como hóspedes os seus traballadores. “Este ano, o número de traballadores que nos apoian durante a Parada incrementouse con respecto a anos anteriores”, explica Antonio Casal. “E polo tanto será maior o total do gasto que efectúen na bisbarra de Pontevedra, especialmente en hostalaría e restauración, na bisbarra. Ogallá sexa unha pequena axuda para un sector, como o turístico, que é moi importante para as Rías Baixas. Vivimos tempos difíciles e todos debemos empurrar para impulsar a reactivación económica”.