Traballadores da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra visitan as instalacións de Ence

28 de outubro de 2013. Cada tres días, un barco mercante cheo de pasta de papel libre de cloro fabricada por Ence en Pontevedra e en cuxa carga participan 14 camións durante un día enteiro, zarpa do Porto de Marín, xeralmente con destino ao Norte de Europa. Un grupo de traballadores e traballadoras da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra visitaron o xoves as instalacións do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra. O obxectivo da visita era coñecer como se produce unha mercadoría, a pasta de papel, que supón máis do 42% dos movementos de mercadorías xerais do Porto.

Á visita asistiu o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa. E foi o propio director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, quen se encargou de recibir os visitantes.

Casal explicoulles na Aula de Formación do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra como se produce pasta de celulosa e enerxía renovable a partir de biomasa nas instalacións de Ence en Lourizán. Detallou, ademais, os avances en materia de xestión ambiental: dende a redución no consumo de auga -case un 10% entre 2007 e 2012-, á redución de olores -un 50% cada ano dende 2010-, ou o por que a fábrica conseguiu poñerse a vangarda das factorías do seu sector en Europa atendendo á calidade do proceso de depuración do seu efluente líquido.

Tanto Suárez Costa coma a vintena de traballadores e traballadoras que o acompañaron aproveitaron para preguntar a Casal por diversos temas relacionados coa factoría.

Despois das explicacións na Aula de Formación, realizouse unha visita polas instalacións que comezou no Parque de Madeiras da factoría, no que se xestiona a madeira que 260 camións trasladan á fábrica cada día, para continuar polas instalacións dedicadas á produción de enerxía renovable e á fabricación de pranchas de pasta de celulosa libre de cloro. Ence exportou en 2012 o 96% a través do Porto de Marín o 96% da produción do seu Centro de Operacións de Pontevedra.