Ence reduciu en Pontevedra nun 83% o número de episodios con impacto oloroso en 2012

30 de xullo de 2012.Os indicadores ambientais do Centro de Operacións de Ence continuaron en 2012 a senda de melloras que nos últimos anos puxeron á fábrica á cabeza en xestión ambiental do seu sector no mundo. Entre os avances está a redución nun 83% do número de episodios con impacto oloroso xerados pola fábrica. “Debemos seguir traballando, porque o noso obxectivo é o olor cero”, afirma o director do Centro de Operacións de ence en Pontevedra, Antonio Casal.

Casal compareceu esta mañá xunto ao responsable de Calidade e Medioambiente de Ence en Pontevedra, Carlos Casas de Ron, para presentarlles á cidadanía e aos medios de comunicación os resultados ambientais da empresa en 2012. O principal indicador para a garantir que a actividade da factoría non ten incidencia sobre os ecosistemas da Ría, a Demanda Química de Osíxeno, continuou avanzando o pasado ano. A redución dun 21.3% da DQO deixa o efluente da factoría en 4.86 quilogramos por tonelada producida. De acordo cos indicadores de referencia BREF da Unión Europea, que establecen os resultados que deben obter aquelas fábricas que empreguen as mellores técnicas dispoñibles, ten un comportamento excelente a factoría cuxo efluente teña unha Demanda Química de Osíxeno de 5 quilogramos por tonelada. E é aceptable, de acordo aos indicadores da UE, o efluente cuxa DQO sexa de 23 quilogramos por tonelada. O efluente de Ence mellora practicamente nun 79% este albor.

Todos os indicadores ambientais da factoría melloraron en 2012. “E deben seguir mellorando”, explica Antonio Casal. Dende hai anos, a empresa fixo da sostibilidade un dos piares do seu modelo de xestión. Os resultados ambientais obtidos en 2012 son produto dunha aposta sostida pola mellora continua en materia ambiental e consolidan o liderado da factoría pontevedresa en xestión ambiental no seu sector a nivel mundial.

Melloras no último lustro

Durante a reunión presentáronse, ademais, datos comparativos que mostran a evolución ambiental da factoría nos últimos 5 anos. O Centro de Operacións de Ence en Lourizán empregou en 2012 un 9% menos de auga que en 2007 para producir unha tonelada de pasta. Ademais, a Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO) da súa vertedura reduciuse nun 75%. A Demanda Química de Osíxeno (DQO) reduciuse nun 29%.

Ence está a desenvolver novos proxectos para continuar mellorando a eficiencia do seu Centro de Operacións de Pontevedra no consumo de materias primas. E ademais está a traballar tamén en mellorar a integración visual do seu Centro de Operacións no ámbito.

A empresa investiu nos últimos meses 4 millóns de euros nun plan destinado a mitigar as emisións de vapor de auga da compañía. O Proxecto de Eliminación de Vapores aínda está en fase de desenvolvemento.

Por outra parte, Ence resolveu recentemente o Concurso Arquitectónico convocado para buscar ideas para a mellora da integración arquitectónica e paisaxística da fábrica. O Proxecto Materia Propia vencedor parte da utilización de elementos de madeira de piñeiro e eucalipto e de árbores para alcanzar obxectivo de minorar o impacto visual da factoría na Ría.

Casal volveu recordar que “todo é susceptible de mellorar se se traballa para iso. Fronte ás persoas que creen que esta fábrica é igual que a que coñeceron hai 30 anos, nós ofrecemos datos que son o resultado de moito traballo e importantes investimentos nunha fábrica que, dado o potencial forestal de Galicia, e tras as melloras dos últimos anos, está chamada a ser o gran centro industrial de referencia da nosa economía verde “.