A calidade do efluente líquido de Ence mellora xa en case un 80% as disposicións comunitarias

01 de xuño de 2013. O principal indicador de calidade do efluente de Ence á Ría, Demanda Química de Osíxeno (DQO) mellorou nun 21.3% en 2012. E nun 60% con respecto a 2002. “É unha satisfacción”, explica o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal. Na súa opinión, este avance demostra que “dende Pontevedra, e dende Galicia, pódese estar tamén á vangarda da xestión ambiental, que dende aquí podemos innovar e podemos ser líderes en sostibilidade. E que se equivocan as persoas que non cren que dende o máis estrito apego á sostibilidade se poida xerar máis riqueza na Ría e na bisbarra procedente das actividades portuarias, o marisqueo e a acuicultura, a industria, o comercio, o deporte e o turismo”.


A Demanda Química de Osíxeno (DQO) é, xunto coa Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO), o principal indicador da súa calidade dun efluente líquido. Canto menor sexa o osíxeno que consuma, menor será o seu impacto ambiental. A DQO do Centro de Operacións de Ence en Lourizán mellora en case nun 80% as referencias das autoridades comunitarias en materia de DQO. E o mesmo sucede coa DBO. O dato consolida á factoría pontevedresa como a mellor de Europa polo seu proceso de depuración. Séguena fábricas alemás, suecas, finlandesas e portuguesas.

Seguir mellorando

“Queremos seguir mellorando”, explica Antonio Casal. “Nós defendemos, e seguiremos defendendo, que o Centro de Operacións de Ence en Lourizán debe continuar converténdose nun referente da economía verde de Galicia. É lóxico que a moitas persoas lles poida resultar chocante. É innegable que durante moito tempo a realidade da xestión ambiental da planta foi outra. Pero o feito é que isto cambiou, e que quen sen datos nega a realidade actual desta fábrica está a proporcionarlle información falsa á cidadanía”.


De feito, o Centro de Operacións de Ence en Lourizán é xa a primeira grande instalación industrial de Galicia que produce, con biomasa procedente dos montes da comunidade autónoma, máis enerxía que a que necesita para o seu funcionamento. E a única fábrica de Europa que produce pasta de papel de fibra curta sen empregar cloro no seu proceso industrial.



O dato relativo á Demanda Química de Osíxeno forma parte da Declaración Ambiental 2012 da fábrica, que será enviada para a súa verificación proximamente ás entidades competentes. Como cada ano, o documento será presentado publicamente no mes de xullo. “Podemos adiantar que o proceso de mellora continúa avanzando. A empresa e os traballadores levan moitos anos esforzándonos moito para que así sexa e estámolo a lograr”.



O consumo de auga da factoría tamén experimentou un importante avance en 2012. Reduciuse en 2.2%, mellorando un 64% a referencia das autoridades da Unión Europea para o sector. Nos últimos 10 anos, o consumo de auga na fábrica por tonelada producida diminuíu nun 24.3%.