A fábrica de Ence en Pontevedra xa pode funcionar empregando só a enerxía verde que produce con biomasa e restos de orixe forestal

19 de maio de 2013. A fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra) é xa a primeira grande instalación industrial de Galicia capaz de funcionar empregando, unicamente, a enerxía renovable que xera a partir de biomasa e da valorización doutros restos forestais procedentes do proceso de produción de pasta de celulosa. Durante a recente parada técnica anual da factoría comezou a executarse un plan que permitiu incrementar practicamente nun 5% a capacidade de xeración de enerxía ‘verde’ da fábrica. A produción diaria de enerxía pasou de 660Mw.h/día aos case 690 Mw.h/día que se producen empregando máis de 650 toneladas de biomasa retiradas dos montes galegos.

A retirada da biomasa dos montes galegos ofrece indubidables vantaxes económicas e ambientais. Por unha parte, é fundamental para a prevención de incendios: a retirada de biomasa dos montes pode evitar ata un 70% dos incendios. Ademais, e de acordo con datos de Boston Consulting, a produción de 1 MW de enerxía con biomasa require o concurso de 9 persoas nas tarefas de aproveitamento, preparación e transporte.

Ata finais do pasado mes de marzo, a factoría de Lourizán estaba moi preto de ser autosuficiente en materia enerxética. Nos últimos anos viñéranse desenvolvendo plans tanto para a redución do consumo coma para o incremento da produción. Un proxecto desenvolvido pola Dirección de Enxeñaría en colaboración coa área de Enerxía e Recuperación permitiu alcanzar á fin o equilibrio entre o consumo da factoría e a súa capacidade de xeración. A proposta pasaba por realizar adecuacións técnicas e procedementais para obter unha maior eficiencia na valorización do vapor de auga empregado pola factoría. Ou o que é o mesmo: conseguir xerar máis enerxía a partir do mesmo volume de vapor.

 

Biomasa e outros residuos de orixe forestal


Ence produce enerxía na súa fábrica de Pontevedra empregando biomasa e outros residuos de orixe forestal. Neste último capítulo, un dos principais é a lignina. Este material, que é un dos tres compoñentes básicos da madeira -os outros dous son a celulosa e a auga-, non é empregado para a produción de pasta de papel. E é, precisamente, o que lle dá á madeira a súa capacidade calorífica.

Ademais, o proceso de depuración de Ence permite obter biolodos a partir do efluente líquido resultante do proceso de produción de pasta. Estes biolodos, compostos no seu por elementos de orixe vexetal, son tamén empregados para a produción de enerxía.

O logro de ter feito da fábrica de Ence en Pontevedra a primeira grande instalación industrial de Galicia que pode autoabastecerse con enerxía renovable vén continuar consolidando a factoría como un referente pola súa xestión ambiental. A fábrica é tamén unha das dúas únicas de Europa da súa categoría que non empregan cloros para a produción de pasta de celulosa e a súa experiencia en materia de redución do consumo do consumo de auga foi posta como exemplo polo seu sector ante o Ministerio de Medio. A factoría necesita hoxe un 25% menos de auga que hai 10 anos para producir unha tonelada de pasta de papel. Ademais, é a única que publica diariamente en internet os seus indicadores de xestión ambiental de xeito voluntario (https://encepontevedra.com), que están por diante dos da práctica totalidade de instalacións similares en Europa.