Alumnos dos últimos cursos de Forestais fórmanse en xestión da calidade total a través da Cátedra ENCE

22 de abril de 2013. A Cátedra Ence formará en xestión da calidade total aos alumnos e alumnas de últimos cursos da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo nunha xornada que se celebra este mércores nas instalacións da institución docente en Pontevedra a partir das 9AM. Durante a sesión formativa, os estudantes terán unha ocasión única de coñecer como se realiza a implantación do sistema de xestión da calidade total a operacións forestais como a selvicultura e aos aproveitamentos -labores de curta e preparación de madeira para o transporte-.

A Xestión da Calidade Total ou TQM, polas súas siglas en inglés, é un sistema de xestión desenvolvido pola industria xaponesa e especialmente implantado en sectores industriais como o do automóbil. Permite levar a calidade a todos e cada un dos procesos dunha organización determinada, mellorando así en organización e eficiencia. Dende hai dous anos, Ence fixo da xestión da calidade total a base de todos os procesos da súa actividade, obtendo importantes melloras que están a ser fundamentais para avanzar na competitividade da compañía.

O director do Centro de Operacións de ENCE en Pontevedra, Antonio Casal, será un dos participantes na xornada de formación. Explica, Casal, que “a experiencia da implantación do TQM en ENCE resultou, e continúa resultando, moi positiva para a empresa”. O TQM dota de ferramentas unha compañía para alcanzar melloras en cada un dos procesos que realiza. “Compartir este coñecemento con outros axentes do sector é fundamental para apoiar a súa modernización”, explica Antonio Casal. “Dende hai meses estamos a formar en TQM a algunhas das nosas empresas que nos prestan servizo. A Cátedra ENCE, que nos permite colaborar permanentemente cunha institución fundamental para a formación de profesionais e para o desenvolvemento económico como a Universidade de Vigo, facilítanos agora achegar ese coñecemento aos profesionais do futuro”.

Pola súa banda, o director da Escola de Forestais, Enrique Valero, engadiu que a incorporación desta ferramenta na formación dos alumnos supón unha importante oportunidade e unha vantaxe na súa capacitación, ao introducir técnicas innovadoras nas futuras técnicas de explotación racional dos recursos forestais galegos.

A convocatoria é extensiva, ademais, a alumnos e alumnas doutras escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo. Durante 7 horas, terán acceso a información xenérica sobre o modelo TQM e as súas ferramentas principais. Ademais, poderán coñecer como foi o proceso de implantación do modelo en Ence e haberá unha atención especial á implantación do sistema TQM nas operacións forestais.