Ence traballa da man dos propietarios forestais para estender a certificación FSC® ás pequenas parcelas

 

27 de marzo de 2013. A recente firma dun acordo de compra de 60.000 tm de madeira FSC coa asociación de propietarios forestais de Cerdido (Promacer), que constituíu o primeiro grupo de certificación FSC® para propiedades pequenas na súa zona, é tan só un exemplo dos mecanismos de colaboración entre a ENCE e os propietarios forestais para promover a certificación de pequenas parcelas. A cooperación para este fin tamén forma parte das alianzas asinadas por Ence con propietarios de zonas como Cedeira -unidos en Promace– ou Mañón -agrupados en Promañón-. E vén a sumarse a outros esforzos realizados en anos anteriores. Coa propia Promacer, e en outubro do pasado ano, Ence asinaba un acordo para a compra de 40.000 tm de madeira que contase a certificación PEFC. O novo acordo asinado con Promacer, mediante o cal se promove a certificación FSC®, supón o compromiso de Ence de realizar un esforzo adicional no prezo de compra da madeira, de xeito singular e para promover así a certificación na zona e premiar os esforzos desta asociación pioneira.

 

O director de Compras de Madeira en Pé de Ence, Alejandro Oliveros, destaca que “Ence vai continuar traballando para promover a xestión responsable de cultivos forestais de eucalipto en toda a súa área de abastecemento”. E refírese ao acordo con Promacer realizando unha “moi positiva” valoración. “Se ben se trata dun caso moi singular e no que alcanzamos acordos dificilmente replicables, e que de feito son diferentes dos alcanzados poucos meses antes con Promacer para comprar madeira con certificación PEFC, o certo é que este convenio sinala cara a onde imos: a traballar cada vez máis preto dos produtores de madeira para promover a certificación forestal”.

 

A certificación forestal é fundamental para garantir as sostibilidade dos cultivos, asegurando o uso das mellores técnicas de xestión forestal para preservar a biodiversidade e a conservación da natureza. O mercado está cada vez máis comprometido coa sostibilidade. E a rendibilidade dos cultivos non certificados resulta cada vez menor.

 

Por iso Ence, cuxos clientes demandan tamén pasta de celulosa procedente de madeira certificada, traballa da man dos produtores para a certificación. A empresa mantivo o ano pasado ata 20 reunións con colectivos de propietarios de toda Galicia para intercambiar información e opinións sobre temas relacionados coa xestión forestal. A certificación foi un asunto fundamental en todas elas.

 

Ence promove ademais a adhesión dos produtores forestais ós grupos de xestión certificada de pequenas e medianas parcelas. E é que o traballo conxunto dá lugar a bos resultados. A suma de esforzos realizada en 2012 polos propietarios, FSC e a industria para facilitar o acceso á certificación por parte dos xestores de pequenas parcelas -que son maioría en Galicia- xa permite o acceso a importantes melloras na xestión e no prezo da madeira producida