Ence retira temporalmente o expediente de regulación de emprego

Ence – Enerxía e Celulosa acadou un acordo cos seus comités de empresa para negociar a preparación dun Plan de Competitividade Laboral que considere a redución e flexibilización dos seus custes salariais, así como a redución dos postos de traballo excedentes. O obxectivo é facer fronte ao forte impacto das medidas enerxéticas aprobadas polo Goberno recentemente, así como manter a capacidade de Ence para competir no mercado internacional da celulosa.

Co gallo de facilitar as negociacións, a empresa –que reiterou a xustificación das causas que sustentan a necesidade do despedimento colectivo e de asegurar a viabilidade da compañía–, decide deixar sen efecto ata o próximo 31 de maio o devandito procedemento de despedimento colectivo. Non obstante, no caso de que as negociacións non cheguen a boa fin e non se acaden os obxectivos de redución de persoal e custos, Ence seguirá adiante co expediente para a regulación de emprego na compañía. Polo seu lado, os representantes dos traballadores decidiron desconvocar as folgas presentadas.

Ademais da reestruturación do equipo, empresa e traballadores centraranse en avanzar na flexibilidade dos custes salariais a través da súa vinculación á produtividade e os resultados, e non ao IPCcomo establecen ata o momento os actuais convenios colectivos en vigor en Ence.

Así mesmo, co obxectivo fundamental de preservar a competitividade da compañía, o Acordo Marco deberá incorporar unha forte moderación salarial durante os próximos anos, así como un aumento da xornada anual, en liña co convenio do sector como medidas clave para gañar competitividade e eficiencia. A redución dos salarios do persoal de novo ingreso, a clasificación profesional e a previsión social serán tamén materias que considerarán as próximas negociacións.

Malia a delicada situación que crearon as medidas enerxéticas do Goberno e a necesidade á que se viu forzada Ence de poñer en marcha con urxencia duras medidas para evitar a perda de mercado e garantir o futuro da empresa, finalmente a disposición ao diálogo e a vontade de entendemento por ambas as dúas partes fixeron posible sentar as bases para que Ence poida superar o impacto das devanditas medidas, manter o maior nivel de emprego posible, así como garantir a súa sostibilidade e rendibilidade.

O modelo industrial que Ence impulsou nos últimos anos, baseado no aproveitamento integral da árbore para a produción de celulosa e a xeración de enerxía con biomasa, fixo posible á compañía manter a súa capacidade de penetración nun mercado mundial altamente competitivo como é o da celulosa.

Grazas a este modelo, Ence logrou ata a data uns custes competitivos fronte a produtores como os brasileiros, cuxos custes de subministración de madeira son moi inferiores –practicamente unha terceira parte– aos españois, dadas as condicións climáticas daquel país. Cómpre salientar que os custes da madeira representan en torno ao 60% do custo total de fabricación da pasta de celulosa.