Casal: “Se non tomamos medidas agora, o problema será moito maior a medio prazo”

27 de febreiro de 2013.  A reestruturación que Ence se ve obrigada a acometer tras as reformas enerxéticas do Goberno, constitúe unha medida “difícil e dolorosa”. Así o ve o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal. “Trátase, seguramente, do momento máis duro que vivín en case 25 anos traballando en Ence”, explica Casal, ” pero moito peor sería que a empresa permaneza sen facer fronte ao serio problema que nos ocasionou a reforma enerxética do Goberno. Se non tomamos medidas agora, o problema será moito maior a medio prazo”.

Casal explica que a aposta de Ence pola biomasa permitiulle á empresa manter a súa competitividade ante os grandes produtores brasileiros, “cuxos custos de subministración de madeira son moi inferiores aos nosos, practicamente unha terceira parte. E iso, á súa vez -engade- mantívonos ata agora como un produtor competitivo nun mercado internacional tan disputado como o da pasta de celulosa. Hai que ter en conta que os custos da madeira representan aproximadamente o 60% do custo total da fabricación da celulosa”.

A fábrica de Ence en Pontevedra exporta aproximadamente o 90% da súa produción. A pasta de celulosa totalmente libre de cloro que produce en Lourizán con madeira principalmente galega compite nos mercados internacionais con outras pastas de fábricas do mundo enteiro. O prezo é un factor fundamental para a venda e as medidas propostas por Ence ao Comité de Empresa están destinadas a manter a competitividade do produto no mercado.

E é que os recentes cambios regulatorios que afectan ás renovables (RD 15/2012 e RD 2/2013 ) farán que os ingresos de Ence pola venda de enerxía eléctrica experimenten unha forte caída, poñendo en risco o modelo industrial da compañía, baseado no aproveitamento integral da árbore que Ence impulsou nos últimos anos para a produción de celulosa e a xeración de enerxía con biomasa. Este modelo fíxolle posible á compañía manter a súa competitividade nos mercados internacionais, aumentar a súa capacidade de exportación, e manter a súa cota de mercado.

“Sei que é difícil de entender que despois de anunciar beneficios do grupo Ence de 43 millóns de euros en 2012 se anuncien medidas de reestruturación”, explica Casal. “Pero as empresas deben afrontar os cambios das regras do presente para construír e garantir o seu futuro. Cando se produce un cambio deste tipo, as empresas deben reaccionar con rapidez, porque unha reacción tardía, obrigaría, sen dúbida, a enfrontarse a graves problemas, en moitos casos insalvables. Nós, como empresa, debemos actuar para adecuarnos á realidade dos tempos que corren”.

Casal confía en que a negociación entre a empresa e o Comité permita que as medidas de reestruturación se fagan co maior consenso posible. “Durante moito tempo, os traballadores de Ence deron o mellor de si mesmos para converter madeira galega nun produto de exportación de primeira calidade, e souberon facer da fábrica de Lourizán un exemplo mundial de xestión ambiental. Están afeitos a afrontar dificultades e por iso, entre todos, elevamos esta empresa ata o nivel no que está. Confío en que entre todos saibamos tamén construír o futuro da empresa”.