Casal: “É unha satisfacción poder apoiar o esforzo de Pontevedra para traer aquí a saída de La Vuelta”

12 de xaneiro de 2013. O director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, mostrou durante a  resentación Oficial de La Vuelta Ciclista a España 2013 a súa satisfacción polo feito de que a empresa poida apoiar a saída da Volta, por vez primeira na súa historia, dende a provincia de Pontevedra. “O paso de La Vuelta polas Rías Baixas este ano é un fito histórico que terá unha gran transcendencia para toda a provincia. É unha satisfacción poder apoiar o esforzo de Pontevedra para traer a aquí a saída da La Vuelta”, dixo Casal.

O director da fábrica recordou que “o feito de que a saída vaia ter lugar nas Rías Baixas é unha magnífica oportunidade para a bisbarra, tanto a nivel de promoción turística, coma polo propio movemento económico que xera a caravana de La Vuelta. Por iso non tivemos ningunha dúbida cando se nos pediu que apoiásemos economicamente esta iniciativa, máxime cando unha das etapas sae de Pontevedra, unha cidade, e unha bisbarra, que esta empresa leva no seu ADN,”. Casal sinalou que “en Ence temos claro que nestes tempos, tan difíciles para tantas persoas, debemos ser máis activos ca nunca á hora de sumarnos a iniciativas da cidadanía ou as administracións que sirvan para axudar a mellorar as cousas”.

Compromiso coa contorna

O máximo responsable do Centro de Operacións de Ence tamén afirmou que “a vinculación a este tipo de iniciativas, ou outras medidas coma o apoio económico ao centro da UNED en Pontevedra, por exemplo, son unha parte das accións que mostran o noso compromiso con Pontevedra e co seu contorna. Tanto as asociacións e colectivos cidadáns como as administracións públicas terannos sempre do seu lado, na medida das nosas posibilidades, para iniciativas que xeren ben común e que dunha ou outra forma sexan pertinentes coa nosa actividade”.

Entre as iniciativas desenvolvidas por Ence Energía e Celulosa en Pontevedra en 2012 estiveron a súa incorporación ao Consello Reitor da UNED en Pontevedra e o seu apoio económico á institución, a firma dun acordo coa Fundación Novacaixagalicia que permitiu achegar a Pontevedra a obra de Pablo Picasso. “Pero temos moi claro cal é noso deber ser e cales deben ser as nosas prioridades: seguir xerando emprego e riqueza en Pontevedra e en Galicia, continuar consolidando a factoría de Lourizán a nivel global coma exemplo de boa xestión ambiental no seu sector, e avanzar tamén na mellora da integración visual da fábrica coa súa contorna para achegar valor tamén dende o punto de vista estético”, dixo Casal.

(Fotografía: Miguel Riopa)