Ence convoca un concurso para a integración arquitectónica e paisaxística da súa fábrica de Pontevedra

 

17 de decembro de 2012. Profesionais da arquitectura poderán participar no Concurso de Ideas a nivel de Anteproxecto para a Integración Arquitectónica e Paisaxística da Fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra). A compañía continúa así adiante co Programa de Adecuación Visual que anunciou no primeiro semestre do presente ano.

O director da fábrica de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, cre que “despois de ter transformado por completo a xestión ambiental da fábrica, converténdoa na mellor factoría do mundo no seu sector polos seus resultados ambientais, é tempo de mellorar a súa integración visual e paisaxística, de pasar de ter unha fábrica cunha estética industrial de hai décadas a achegalá á Ría, e á bisbarra, unha intervención arquitectónica que axude a exaltar os seus valores paisaxísticos”.

A factoría de Ence en Pontevedra cumpre en 2013 os seus primeiros cincuenta anos de operación. Dende mediados dos anos 90, a empresa comezou a poñer en marcha medidas para a redución do seu impacto ambiental: primeiro substituíu o cloro polo osíxeno no seu proceso industrial, anos despois construiría unha planta de depuración mediante tratamento biolóxico que converteu o seu efluente líquido no de maior calidade das fábricas europeas do seu sector.

No ano 2010 puxo en marcha o Plan de Eliminación de Olores, un proxecto que permitirá rematar de forma practicamente definitiva co seu impacto oloroso en 2014. No ano no que a fábrica cumpre o seu primeiro século de vida, Ence decidiu convocar un concurso de ideas para a mellora da súa integración visual. “Sabemos moi ben qué debemos facer para mellorar”, explica Casal. “E imos seguir mellorando porque, como dixen en anteriores ocasións, queremos ser un veciño exemplar durante moitos anos”.

 

O concurso será resolto o próximo mes de xullo, cando se coñecerá o proxecto vencedor, o segundo premiado, e tres accésits a outros tantos traballos. O autor ou autores do proxecto vencedor recibirán un recoñecemento de 40.000 euros, a persoa ou persoas que asinen o segundo proxecto recibirán 15.000 euros. Os autores de cada un dos tres proxectos premiados cun accésit recibirán 2.500 euros.

 

Tal e como se establece nas bases do concurso, o proxecto gañador será o utilizado por Ence para a modernización arquitectónica da factoría “sempre que a entidade convocante o considere posible e “se reúnan ademais os necesarios requisitos administrativos”.

 

As bases do concurso están xa dispoñibles en https://encepontevedra.com. Ademais, están a ser enviadas aos colexios de arquitectos de toda España. Despois dunha fase inicial de información e consultas que conclúe o 18 de xaneiro, a empresa recibirá propostas ata o mes de maio. Das propostas recibidas serán elixidas 5. Os autores ou autoras das 5 propostas finalistas terán ata o día 5 de xullo de 2013 para entregar as súas propostas definitivas, que poderán incluír as recomendacións realizadas polo xurado na preselección dos proxectos que pasan á última fase. O día 19 de xullo está previsto que se coñeza a proposta gañadora.

O ano 2013 traerá, ademais, outra novidade relevante no aspecto visual da factoría de Ence en Pontevedra. No primeiro trimestre do ano, a compañía implantará a tecnoloxía que permitirá reducirá a súa mínima expresión a visualización das emisións aéreas da factoría. Practicamente a totalidade das emisións aéreas da fábrica son vapor de auga. A solución tecnolóxica elixida para eliminar o impacto visual xerado por estas emisións permitirá eliminalas durante a práctica totalidade do ano e salvo nos días de temperaturas mínimas moi acusadas ou de índices de humidade especialmente altos.