Ence e Novacaixagalicia achéganlle a Pontevedra a arte de gravar de Pablo Ruíz Picasso

Ence e Novacaixagalicia asinaron un convenio que ten como obxectivo fomentar a cultura e o desenvolvemento social na cidade de Pontevedra. Antonio Casal, director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra e Pedro Otero Espinar, xerente de Novacaixagalicia declararon logo da firma do acordo que o traballo conxunto de ambas as partes ha fortalecer o tecido sociocultural da cidade e que a primeira acción que levarán a cabo nese sentido é a inauguración dunha exposición que achegará a obra de Picasso á urbe do Lérez.



Durante a rolda de prensa, Antonio Casal afirmou que “a cooperación é fundamental para desenvolver proxectos ambiciosos aínda a pesar da dificultades que todos afrontamos” nesta época. “Ence ten unha traxectoria de case cinco décadas apoiando o desenvolvemento de actividades deportivas e culturais na cidade -recordou o director do Centro de Operacións da empresa na cidade-. Como calquera empresa xestionada con criterios de sostibilidade, somos moi conscientes de que todo o que vai en beneficio do noso ámbito inmediato vai, tamén, en beneficio da empresa, os seus accionistas e os seus traballadores”. Opina, Casal, que “a firma deste convenio demostra que a suma de esforzos permite sacar adiante proxectos tan ambiciosos como este aínda nunha época como a que vivimos”.

 

Pedro Otero, pola súa banda, fixo fincapé no papel tradicional das caixas de aforro que «sempre apostaron e apostan polos principios Brundtland, o desenvolvemento social, a identificación co territorio, o fomento do emprego, a cultura e os novos valores, a preservación do medioambiente e a cooperación entre entidades» e engadiu que «en Novacaixagalicia sabemos que é necesaria a busca dun equilibrio económico, social e ambiental que preserve a calidade de vida dos seus habitantes, que lles garanta a protección a longo prazo e que pondere os impactos ambientais e humanos derivados dos diferentes modelos produtivos e de xestión». Ambos os dous responsables coincidiron en afirmar que a confluencia das filosofías de ambas as dúas institucións derivou no acordo que acaban de asinar.

O proxecto

Froito do convenio asinado nace a mostra «Picasso. O equilibrio e a vertixe» que se desenvolve sobre a base dun proxecto expositivo elaborado pola Fundación Picasso – Museo Casa Natal de Málaga e que será comisariado polo seu director, José María Luna Aguilar. A exposición, que se inaugurará o próximo 9 de novembro, permitirá que os pontevedreses gocen deste artista que soubo conxugar vangarda e clasicismo, permitirá que accedan ás distintas fontes das que Picasso bebeu para crear as súas características obras, para contemplar como a primitiva arte ibérica e as tradicións africanas e americanas o inspiraron. A mostra tamén deixará constancia de que o artista malagueño soubo recuperar a técnica do gravado, que ata os anos trinta do pasado século permanecía nun segundo plano, e como Picasso soubo explorar as súas múltiples posibilidades.