Ver en Español

Novas de Ence en Pontevedra

Voltar á listaxe

Ence e as confrarías selan un pacto histórico

Foto nota de prensa.jpg
3 de xuño de 2016.- As confrarías de pescadores de Raxó, Pontevedra e Lourizán ultiman con Ence un convenio polo que a empresa apoiará a compra dun barco que os pósitos precisan. Trátase dunha embarcación especial que desempeñará un papel clave no Proxecto de Rexeneración dos Bancos Marisqueiros no que traballan as confrarías e que será executado nos próximos meses. Alén deste proxecto, a embarcación será unha ferramenta de traballo fundamental para o colectivo de mariscadores das tres entidades.
 
Para o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, "o realmente importante é a suma de esforzos de quen traballa na Ría". Lembra Casal, que "durante os últimos anos houbo unha distancia entre as partes  que, á vista do estado actual da Ría, non beneficiou a ninguén. É unha mostra de compromiso apoiar ás confrarías xusto agora, cando máis o necesitan".
 
Pola súa banda en nome das tres confrarías, o presidente da Lonxa de Campelo, Iago Tomé, quixo destacar a colaboración de Ence. "O que máis nos importa de Ence é que o seu comportamento ambiental sexa o máis adecuado, e iso parecen indicar os datos. Por outra banda, agora mesmo temos un problema importante no marisqueo e este proxecto permítenos acometer labores de rexeneración e limpeza nos bancos marisqueiros, que doutro xeito as confrarías non poderiamos asumir. Din que a nova Ence é así, e levan tempo falándonos de compromisos, así que este convenio é unha mostra diso e é benvido. Dixémoslles que isto e máis é o que esperamos da fábrica. Nestas condicións, poderemos convivir perfectamente".
 
O proxecto de rexeneración ten o importante obxectivo de recuperar na zona interna de Ría moluscos bivalvos de interese comercial. É unha das accións expostas para mellorar a produción marisqueira da Ría de Pontevedra.
 
Ence quere converter os seus centros de operacións en instalacións recoñecidas no sector forestal mundial, pola súa sustentabilidade ambiental. Tal e como explicou a empresa en diferentes ocasións, persegue este obxectivo tanto polo lóxico compromiso co medio ambiente, como polo que supón diferenciarnos en termos de mercado, máxime cando os consumidores queren cada vez produtos máis sustentables. Neste contexto unha ría limpa e cunha rica produción marisqueira é algo moi positivo para Ence.