Ver en Español

Novas de Ence en Pontevedra

Voltar á listaxe

Colmenares califica de "claro testemuño do compromiso de Ence" o Pacto Ambiental acadado pola empresa e a Xunta

img nota.jpg
28 de xuño de 2016. "O Pacto Ambiental que hoxe asinamos é claro testemuño dese compromiso. Do compromiso de Ence con Pontevedra, con Galicia, coa súa xente, co medio ambiente, e co desenvolvemento económico e a creación de emprego". Así se referiu hoxe o vicepresidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, ao Pacto Ambiental asinado pola empresa e a Xunta. O acordo alcanzado por ambas as partes constitúe, segundo o primeiro executivo da compañía, "a mellor expresión do talante co que Ence afronta a nova etapa da súa presenza en Pontevedra". 
 
O Pacto, asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, nun acto presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comezou a tramitarse a proposta da empresa. Ence presentou a finais do pasado mes de abril unha solicitude de firma de Pacto Ambiental con Pontevedra e Galicia. Na proposta da empresa inclúese un plan investidor para Galicia que contempla accións proxectadas pola empresa como a creación dun centro de I+D Forestal en Pontevedra, o Proxecto Novo Ciclo da auga, que servirá para reducir nun 90% o consumo de auga da fábrica, ou a instalación dunha planta de biomasa de baixa emisión en Lourizán.
 
En virtude deste pacto, a empresa tamén apoiará economicamente proxectos de importancia para a bisbarra como a mellora da EDAR de Vos Praceres, a construción dun campo de fútbol para os veciños da fábrica ou a restauración do Pazo de Lourizán.
 
"Ence está a adicar todas as súas forzas e enerxías para ser querida por todos os habitantes de Pontevedra e no motor da bioeconomía en Galicia", afirmou Ignacio Colmenares durante o acto de firma. Tamén lembrou que "Ence é unha compañía totalmente distinta á antiga empresa estatal de celulosas" e que, tal e como leva anos demostrando, a empresa quere "converter a fábrica de Ence en Pontevedra nunha referencia ambiental da industria europea", así como "convertela no motor da bioeconomía en Galicia".
 
Colmenares lembrou que a nova Ence tamén traballa para recompoñer as súas relacións coa sociedade nesta "nova etapa na que queremos gañarnos o aprecio dos nosos veciños sobre a base do bo facer e da excelencia". Esta mesma semana, sinalou, celebrarase a primeira reunión da Mesa de Traballo pola Ría de Pontevedra promovida pola compañía. A práctica totalidade das organizacións convidadas a formar parte deste grupo de traballo confirmaron a súa vontade de sumar esforzos pola Ría de Pontevedra.