Ence inviste en melloras máis de 7 millóns de euros durante a parada técnica anual da biofábrica de Pontevedra

A biofábrica de Pontevedra renovou a súa actividade habitual tras executar, dende o pasado 6 de xullo, a súa parada técnica anual. O proceso de mellora e mantemento das instalacións precisou de investimentos por valor de 7,5 millóns de euros, e no mesmo priorizouse a seguridade de todas as persoas que tomaron parte nos traballos.

A pesar de tratarse dunha parada singular, debido á situación orixinada tras a crise sanitaria, a compañía logrou manter os excelentes niveis de seguridade conseguidos durante os últimos anos. Isto débese, en gran medida, ao esixente protocolo de seguridade que se mantivo durante todo o proceso de mellora. A fin de garantir as condicións óptimas de seguridade e minimizar o risco de contaxio, a  biofábrica dividiuse en 11 sectores de traballo, illados uns dos outros.

Igualmente, para poder acceder ao recinto industrial, era preciso someterse á proba de detección de  COVID-19, así como superar unha actividade formativa específica sobre o protocolo de prevención implantado, baixo a modalidade  online e demostrar o coñecemento mediante un test. Entre o resto de medidas desenvolvidas, cabe destacar a toma de temperatura corporal en todos os accesos, o uso obrigatorio de máscara, a identificación do persoal mediante brazaletes asignados a cada sector, a distancia entre persoas e desinfección constante das zonas de traballo, tanto en espazos interiores coma exteriores.

Durante a parada técnica anual, a planta someteuse a un exhaustivo programa de melloras para incorporar novas tecnoloxías, co obxectivo de seguir reforzando a súa excelencia ambiental, así como a súa eficiencia e fiabilidade.

No medio da actual crise sanitaria e económica, Ence aposta decididamente por investir e crear actividade na comarca de Pontevedra. Por esta razón, gran cantidade das empresas auxiliares que traballaron durante a parada técnica son galegas, ás que hai que sumar outros servizos como o aloxamento ou manutención dos traballadores, prestados por negocios da contorna da cidade pontevedresa.