A Audiencia Nacional desestima o recurso da APDR sobre a caducidade da concesión da biofábrica de Ence en Pontevedra

A Audiencia Nacional desestimou o recurso contencioso administrativo interposto pola Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) que pretendía que se declarase a caducidade total da concesión outorgada á biofábrica de Ence en Pontevedra.

Este tribunal desestimou todos os motivos esgrimidos pola APDR en contra da concesión. Entre eles, o argumento de que a planta xere efectos prexudiciais para o medioambiente.

Así, na súa sentenza, a Audiencia Nacional sinala que se atopa en vigor unha Autorización Ambiental Integrada (AAI) e que o recurso da citada asociación non acredita que a mesma se incumprise.

Esta sentenza afonda na postura que xa manifestou a Audiencia Nacional cando, en decembro de 2018, ditou unha sentenza paralela, en relación a un recurso do Concello de Pontevedra que empregaba a mesma argumentación que a esgrimida pola APDR.

Doutra banda, a empresa está á espera de que a Audiencia Nacional dite sentenza sobre os tres recursos expostos contra a prórroga da concesión, previsiblemente na segunda metade do ano.

Pola súa banda, Ence quere expresar o seu firme compromiso coa sustentabilidade e o seu decidido propósito de contribuír á saída da actual crise sanitaria e económica a través dun modelo de negocio que afonda nos principios da economía circular. A compañía traballa para avanzar na apertura e o diálogo coas comunidades coas que convive, e traballa para achegarlles emprego, benestar e valor.