Forte aumento do número de proxectos presentados á III convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra

A terceira Convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra finalizou con preto de 500 proxectos presentados. Destaca o número de solicitudes presentadas nas áreas de Apoio ao Deporte, con 176 proxectos, e Recuperación e Coidado da Contorna, con 104 solicitudes.

Os programas de Apoio á Educación e Cultura recibiron 74, Loita contra a Exclusión Social 49, Impulso ao Emprendemento e á Innovación 47 e Axudas Veciñais 27. Esta importante resposta pon de manifesto o éxito do Plan Social, unha iniciativa de compromiso e contribución á contorna social de Ence, e o gran interese por parte dos veciños de Pontevedra, Marín e Poio.

Este Plan Social é unha das iniciativas sociais de maior envergadura realizada por unha empresa privada en España. Supón unha importante contribución á loita contra a exclusión social e a calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra e a súa comarca, así como á educación e ao coidado da contorna natural. Ademais, enmarcado na política de Sustentabilidade levada a cabo por Ence, o Plan contribúe a complementar a calidade na xestión ambiental da biofábrica de Lourizán, acreditada polos recoñecementos da Comisión Europea á mellora ambiental e pola ecoetiqueta Nordic Swan.