Gran acollida da terceira edición do Plan Social Ence Pontevedra

O Plan Social de Ence en Pontevedra está a ter unha gran acollida, como así o demostra o forte crecemento de visitas que recibiu a páxina web do Plan Social con respecto á edición anterior.

En tan só dúas semanas, incrementouse nun 40% o tráfico xerado na plataforma habilitada para a subscrición de proxectos, o que evidencia o forte interese que suscita este programa de axudas na contorna.

A terceira convocatoria do Plan Social abriuse o pasado día 1 de outubro e estará aberta ata o último día do mes. Os 3 millóns de euros que a compañía dedica a esta iniciativa súmanse aos 6 millóns dos dous anos anteriores. Deste xeito, Ence Pontevedra destinou en total 9 millóns de euros ao seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, converténdose nun dos máis importantes proxectos de  RSC desenvoltos por unha empresa privada en España.

Co afán de mellorar ano tras ano e facilitar o proceso de solicitude, a empresa habilitou un teléfono de contacto para consultas: 627 826 069. Os interesados poderán atopar na plataforma do Plan Social unha guía de solicitude e un apartado de preguntas frecuentes: www.plansocialence.es

En liña co seu compromiso coa contorna, a compañía anima aos veciños de Pontevedra, Poio e Marín a que presenten as súas solicitudes a este Plan, centrado na asignación de axudas para o financiamento de proxectos de carácter social, cultural, medioambiental, deportivo e de promoción económica e do emprego.