Ence Pontevedra recibe o certificado “Residuo Cero” de AENOR

A biofábrica de Ence en Pontevedra recibiu hoxe o certificado ambiental “Residuo Cero” que outorga AENOR a aquelas organizacións que levan a cabo unha xestión máis eficiente dos seus residuos e que son capaces de valorizalos.

O Director da Biofábrica de Pontevedra, Paulo Gaia, xunto co Director de Calidade e Medio da planta, Carlos Casas, foron os encargados de recoller este recoñecemento que só ostentan cinco compañías en toda España.

O certificado AENOR acredita que Ence valoriza todas as súas fraccións de residuos, evitando que estes teñan como destino final o vertedoiro, e apoia a súa aposta polo modelo de economía circular, á vez que demostra o seu firme compromiso pola sustentabilidade e o coidado ambiental. Un compromiso que tamén se viu recoñecido desde o ámbito internacional, coa concesión da Distinción Oro da Comisión Europea e a ecoetiqueta Nordic Swan, selo ecolóxico oficial dos gobernos escandinavos.

No caso de Ence, a biofábrica de Lourizán valorizó en 2018 a práctica totalidade dos seus residuos (o 99,1%). A través da súa reutilización, reciclado ou valorización enerxética, a planta, non só evitou que estes materiais acabasen en vertedoiros, senón que os reintroduciu na súa cadea de valor, dándolles unha nova vida.

A concesión deste certificado enmárcase dentro do modelo de economía circular, xa que promove unha xestión adecuada dos residuos a través do aproveitamento responsable, eficiente e sustentable dos recursos.

A propia actividade da biofábrica de Ence é un exemplo de contribución á citada economía circular: en todo o proceso de produción da celulosa, a planta produce e opera con materiais reciclables. Ao mesmo tempo, xera enerxía eléctrica renovable a partir de biomasa, utilizando para elo a lignina un compoñente da madeira que constitúe un excelente biocombustible renovable e natural.

Deste xeito, os máis de 5.000 postos de traballo vinculados a Ence Pontevedra contribúen tamén, co seu labor diario, a reducir a intensidade enerxética e a pegada de carbono, así como a avanzar no camiño da transición enerxética, cara aos obxectivos de descarbonización marcados desde a Comisión Europea.