Ence nega rotundamente incumprir a súa Autorización Ambiental Integrada

Ence nega rotundamente estar a incumprir en forma algunha a súa Autorización Ambiental Integrada (AAI) nin, por suposto, estar a utilizar combustibles nin ningún outro produto incompatible coa devandita Autorización, cuxa concesión avala e garante, precisamente, que o comportamento ambiental da planta cumpre plenamente con toda a normativa ambiental autonómica.

As falsas acusacións da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) contra a biofábrica da compañía en Lourizán teñen a evidente intención de xerar alarma social e de danar a reputación dunha planta que, moi ao contrario, cumpre sobradamente con toda a regulación vixente (europea, estatal e autonómica). De feito, esta planta conta con destacados recoñecementos ambientais internacionais, como a Distinción Ouro da Comisión Europea e a ecoetiqueta Nordic Swan, selo ecolóxico oficial dos gobernos escandinavos.

A compañía cumpre de forma escrupulosa con toda a normativa ambiental, incluída –como non podía ser doutro xeito- a orde ministerial APM/205/2018, do 22 de febreiro, que regula o uso como combustible de aceite procesado. Nesta mesma liña, a empresa tamén esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que cumpran cos requisitos establecidos pola citada orde.

Ence leva a cabo un control rigoroso de todos os seus focos de emisión, que son monitorizados unha vez por segundo por medidores calibrados por unha empresa acreditada, de acordo coa norma UNE –EN 14181. Ademais, para controlar a calidade do aire nos arredores da biofábrica, existe unha cabina da Xunta de Galicia -cuxos datos están dispoñibles na páxina web da Administración- situada en Campolongo. En paralelo, Ence dispón de dúas cabinas propias para reforzar o control da calidade do aire.

Esta acusación da APDR contra a biofábrica de Ence en Pontevedra súmase outros ataques desta asociación que, no seu afán por prexudicar a esta planta e aos máis de 5.000 postos de traballo vinculados á mesma, non dubida en recorrer ao medo e ao engano.

Finalmente, ante as torticeiras e inxustas mentiras lanzadas pola APDR en contra da biofábrica, a empresa advirte que emprenderá as medidas legais oportunas na súa defensa.